DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto de 10.000 persoas gozaron da 16ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense

A MITEU baixa o pano da súa edición máis exitosa

A Aula de Teatro da USC e Teatr`ubi, algúns dos galardoados nesta edición

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 15/04/2011
Despois de encher os escenarios de Ourense co mellor teatro universitario e profesional, a 16ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense baixou o pano este venres. Foron 15 día de representacións, cine, conferencias e actividades de rúa que conseguiron chegar a preto de 10.000 persoas. Para pechar a súa edición máis exitosa, a mostra entregou os seus galardóns, que nesta ocasión foron para Marisa Calvo, a Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela, Teatr`ubi, Ymedioteatro e a Aula de Teatro da Universidade de Zaragoza.

“Tivemos unha MITEU fantástica. A pesares de haber algo menos de representacións, a súa calidade foi moi boa e a resposta da xente excepcional, con máis asistencia de público ca nunca” salienta Fernando Dacosta, director da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense. A media de asistencia por representación ascendeu a 250 persoas, o que equivale a uns 6.000 espectadores en total nos espazos pechados. Unha cifra que segundo os organizadores se incrementa a 10.000 persoas se temos en conta as actuacións de rúa.

Nesta excelente acollida, Dacosta destaca a recibida non só polas actuacións de compañías galegas e estatais, senón tamén polas estranxeiras. “Foi a MITEU máis internacional, con representacións de nove grupos estranxeiros que foron moi ben acollidos polo público, nuns casos porque a proximidade idiomática permitía o entendemento e noutros porque eran obras totalmente visuais ou subtituladas” explica Dacosta. Entre elas, a máis vista foi a obra Utopía, de Leo Bassi, á que asistiron arredor de 900 persoas.

Os premiados

Os 15 días de representación remataron este venres coa entrega dos galardóns desta edición de mans de María Lameiras, vicerreitora do campus; de Olga Mojón, directora do Teatro Principal, e de Isabel Pérez, concelleira de Cultura do Concello de Ourense. O Premio da Organización foi para a actriz Marisa Calvo, como representante da xente pioneira do teatro en Ourense e grazas á súa participación en grupos como Valle-Inclán e nos xermolos do que hoxe é Sarabela Teatro. “O que temos agora en Ourense é un soño feito realidade” salientaba Calvo na recollida da súa distinción.

Tamén se entregaron os Premios Carlos Couceiro e Begoña Muñoz do xurado e do espectador. O galardón dos espectadores foi para a Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela pola súa obra Historia de Pura e Angelita. Pequeno divertimento mordaz. Recolleu o premio Javier Garbayo, vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da USC, que salientou os 20 anos de historia da aula compostelá. O premio do xurado foi para a compañía lusa Teatr`ubi, que representou na MITEU a obra Son(h)o dor-mente e as mencións foron para os italianos Gruppo Limpido Compagnia Teatrale Banda Kurenai, os lusos Palco Pief e a Aula de Teatro da Universidade de Zaragoza.

Por último, o Premio Suso Díaz á mellor resolución técnica foi por parte dos técnicos do Teatro Principal para a obra Los españoles bajo tierra, da Aula de Teatro da Universidade de Zaragoza, e por parte dos técnicos do Auditorio para os andaluces Ymedioteatro, pola súa obra Monstruario. La historia extravagante del Hombre Elefante. Neste caso, os técnicos destacaron a calidade tanto das obras profesionais coma das universitaria.

Durante o acto de entrega tamén participou Abdellah Chakiri, director do Festival Internacional de Teatro de Casablanca, quen destacou que en setembro a MITEU estará presente no festival que dirixe. Por último, e como non podía ser doutro modo, a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense baixou o pano cunha representación, neste caso Leve, a nada entre as mans, do grupo Maricastaña da Aula de Teatro Universitaria de Ourense. Para pechar a festa do teatro ourensán, o grupo Overher ofreceu un concerto no Café Auriense, café que despois de cada representación foi o punto de encontro de espectadores e artistas. Para o ano que vén, máis MITEU.