DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mañá mércores coa Aula de Teatro do Campus de Pontevedra e o xoves coa de Lugo

A Miteu terá esta semana unha dobre sesión en Vigo

Ambas sesións serán ás 18.30 horas no Teatro Vidal Bolaño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Teatro
  • Cultura
DUVI 25/04/2023

As persoas afeccionadas ao teatro teñen esta semana unha dobre cita coa Miteu, a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo, pois á habitual cita dos mércores súmase nesta ocasión unha nova sesión o xoves. O mércores contarase coa participación da Aula de Teatro do Campus de Pontevedra, que representará a obra Intermitencias, e o xoves fará o propio a Compañía de Teatro Universitario da USC-Lugo con Eréndira é Aríndere.

Intermitencias, da man de Salvador del Río

Dirixidos por Salvador del Río, Intermitencias conta cun elenco de nove actores e actrices – Dolores Pereira, Eloísa Gutiérrez, Francisco Pernas, Luís Parada, Magela Sánchez, Mª Teresa Costas, Mercedes Pardavila, Suso Riveiro e Uxía Couso- dispostos a pórlle cara e voz a toda unha serie de personaxes que aparecen nas diferentes historias que vai entrelazando Intermitencias, espectáculo composto a partir de textos de Clara Gayo, Paula Carballeira, Santiago Cortegoso e Sanchis Sinisterra. As persoas que asistan atoparán nesta obra unha peza na que se contan diferentes historias que, segunda se explica na sinopse, tanto poden ter que ver directamente co universo teatral como coa desesperación de dous figurantes que agardan polo seu Godot particular. Trátase de reflexionar sobre si se lle pode facer un xuízo a un personaxe mítico como Medea ou preguntarse como lle foi a Helena e Menelao despois de Troia… 

Dúas mulleres e o vento da desgraza para xoves

O xoves a Compañía de Teatro Univesitario da USC-Lugo traerá ao Vidal Bolaño Eréndira é Aríndere, unha dramaturxia dirixida por Andrea González, inspirada no realismo máxico da obra A incrible e triste historia da cándida Eréndira e a súa avoa desalmada, de Gabriel García Márquez, e no realismo crudo do libro PornoXplotación de Mabel Lozano. A historia entrenza a vida de dúas mulleres e o vento da desgraza.  “Fixémonos estas preguntas e estamos tratando de darlles reposta. Este esforzo dános o dereito de pedirvos a vós, o público, que tamén vos enfrontedes a estes problemas”, salientan na sinopse.

Remate final o mércores 3 da man dos anfitrións, a aula de Vigo

Tras esta dobre sesión, o remate final desta 25 edición da Miteu será o mércores 3 de maio coa participación dos anfitrións, a Aula de Teatro do Campus de Vigo, que, dirixidos por Casilda Alfaro e Sonia Rúa, porán sobre a mesa Incendios, na que se fala de tres incendios vitais: o de Nawal (nai), que pon ao espectador diante dunha vida agochada; o de Jeanne (filla), capaz de descadrar a vida cómoda nun polígono vital e familiar de suposta seguridade, e o de Simón, cunha vida que tamén arrastra múltiples inseguridades.