DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Representantes da Liga Estudantil Galega en Pontevedra uníronse ás protestas convocadas en todo o Es

Mobilizacións por unha educación “galega e pública”

Trátase da primeira concentración organizada no campus pontevedrés por este colectivo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 11/10/2012

“Aquí está, aquí se ve, a mocidade galega en pé”. Con este lema os representantes da Liga Estudantil Galega no campus de Pontevedra amosaron o seu espírito reivindicativo en contra dos recortes en educación realizados polo Goberno Central e polas distintas autonomías. Concentráronse na porta da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación co único obxectivo de loitar por un ensino “galego e público” e para denunciar as políticas “que buscan privatizar un servizo que é do pobo”, expresaron algúns dos manifestantes que se uniron ás protestas e concentracións convocadas en todo o país para este 11 de outubro, Día Internacional de Loita Estudantil.

A suba “desorbitada” das taxas universitarias, a eliminación da prazas de profesorado, a redución de bolsas e orzamentos, o descoido da calidade no ensino ou a externalización de servizos foron algunhas das reformas citadas nas protestas, “as que poñen de relevancia a mercantilización da educación por parte dos gobernos”. A concentración do alumnado comezou ás 12.00 horas da mañá, convocado pola delegación pontevedresa de Liga Estudantil Galega, fundada neste novo curso por tres estudantes do Grao en Comunicación Audiovisual, Sara Iglesias, Alba Romero e Alberto Paz. “Somos de moi recente creación e esta mobilización é a nosa primeira acción”, comentaron os tres, que se senten moi satisfeitos cos resultados da convocatoria “xa que estamos comezando e aínda non somos moi coñecidos”. A partir de agora, grazas a esta iniciativa individual destes alumnos de Ciencias Sociais e da Comunicación, a Liga Estudantil Galega terá por primeira vez representación en Pontevedra, “pudendo, sempre que sexa necesario, achegar o noso gran de area dende aquí”, engadiu Sara Iglesias.

“O público é servizo, o privado beneficio”, coreaban os alumnos e alumnas concentradas, reclamando unha maior dispoñibilidade de recursos para o ensino universitario. Criticaron publicamente o avance de políticas neoliberais “aproveitando a escusa da crise económica”, ademais das subvencións con erario público a prazas de ensino privado. "O futuro é noso e debemos loitar para que non no lo quiten", concluían os organizadores da protesta.

Resto de mobilizacións en Galicia

Ademais da concentración en Pontevedra, o colectivo tamén organizou mobilizacións nas principais cidades galegas, en Santiago de Compostela, na praza do Toural; en A Coruña, preto da Facultade de Socioloxía; en Vigo, na praza dos Cabalos; en Ourense, diante da Subdelegación do Goberno e en Lugo, a carón do Edificio Intercentros.