DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade asinará un convenio específico de colaboración co Ministerio de Traballo de Colombia

Moitas propostas na maleta para implantar ao outro lado do charco

Clausura das xornadas formativas sobre termalismo tras 5 días traballando na estandarización de capa

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 05/12/2014
Unha oferta formativa no eido do termalismo vinculado á beleza a nivel nacional para Colombia. Ese foi un dos principais froitos das xornadas Termalismo: patrimonio, turismo, saúde e benestar, cinco días nos que Universidade de Vigo e Concello de Ourense traballaron na procura dunha estandarización formativa de capacidades para os membros do Servizo Nacional de Aprendizaxe (SENA), dependente do Ministerio de Protección Social de Colombia e órgano encargado de orquestrar medidas para o desenvolvemento social e técnico dos traballadores cunha oferta de formación profesional gratuíta para ampliar as oportunidades de acceso ao mercado laboral.

Primeira colaboración directa entre campus de Ourense e Concello no marco do Campus da Auga que tamén se pechou co compromiso de asinar un convenio específico de colaboración internacional entre Universidade de Vigo e o goberno colombiano para levar a cabo actividades de formación de traballadores da Administración pública do país latinoamericano. “Os pasos do Campus da Auga en materia formativa son decididos, por iso estamos tendo cada vez máis actividades ligadas á especialización do campus, no que tamén se enmarca esta iniciativa que hoxe remata”, salientou o vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez.

Unha maleta chea de ideas

Impartido por docentes e investigadores especializados en termalismo da Universidade de Vigo, as 40 horas de formación teórica e práctica do curso serviu para que os traballadores do SENA volvan a casa coa maleta cargada de ideas. Ademais de redactar durante esta semana un programa formativo para impartir a nivel nacional, nestas xornadas os participantes recolleron “moitas ideas para implantar a formación en termalismo” en Colombia e achegáronse a temas fundamentais dentro deste eixo na súa vertente turística, “unha visión inimaxinable para nos. Volvemos a Colombia coa mente moi aberta e con moitos proxectos e ideas que pór enriba da mesa aos nosos xefes”, recoñeceron.

Novas oportunidades nas que o Campus da Auga terá un protagonismo especial, ao abrir as portas a “novas oportunidades” de colaboración en materia de termalismo e turismo ao acubillo deste campus de especialización que se quere converter no “líder na investigación e docencia internacional en materia de auga e cuestións afíns e que se constrúe sobre seis piares básicos: alimentación, turismo e patrimonio cultural, tecnoloxías da comunicación, medio ambiente, innovación social e educativa e xestión do recurso da auga”, como explicou o vicerreitor aos funcionarios colombianos.

Tamén o campus ourensán quere darlle unha especial relevancia ao termalismo na formación académica: a Universidade de Vigo, ao acubillo do Campus da Auga, quere complementar a oferta das titulacións que actualmente están vinculadas a este eido (Grao de Turismo e Master en Dirección e Planificación do Turismo) e das que se aproximan ao estudo da auga termal (graos en Ciencias Ambientais e Xeografía e Historia e mestrado en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental) cun Master en Termalismo.