DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Todos os martes de marzo e abril e o 20 de maio na Casa das Campás

Un monográfico sobre Alexander Kluge abriu a programación de primavera do campus

“Os artistas baixo a carpa do circo” foi a proxección inaugural

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 12/03/2008

Cun aforo case completo, a Casa das Campás abriu a súa programación de primavera co ciclo de cine A ollada moderna, un monográfico sobre o realizador alemán Alexander Kluge. A presentación do evento veu da man do vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, quen amosou a súa satisfacción por este tipo de iniciativas que “van dirixidas a un público específico, a unha minoría”. Baixo a dirección do profesional Suso Novás, os asistentes puideron escoitar unha clase maxistral sobre a industria cinematográfica na Alemaña da segunda metade do século XX, antes de ver o primeiro dos nove filmes que se proxectarán ao longo de todo o programa. A selección das películas que darán contido a este foro atende “a un criterio cronolóxico, para poder ver unha suposta evolución ademais de ter en conta certos cortes temáticos”, explicou Suso Novás. A historia contemporánea en Alemaña, a Segunda Guerra Mundial, o papel da muller na sociedade ou a problemática social que viviu o país desde mediados dos anos 60 ata a actualidade, son os principais eixes que se tratarán ao longo de todas as proxeccións.

“Os artistas baixo a carpa do circo”

A primeira xornada do ciclo de cine A ollada moderna inaugurouse con Os artistas baixo a carpa do circo, unha referencia ineludible na filmografía de Kluge. Trátase de unha parábola sobre a dificultade de preservar a independencia como artista, na que unha autora circense, Leni Peickert, vese obrigada a mudar a súa carpa transformable por un circo de inverno, amurallado por paredes de cemento. A película, fortemente simbólica, foi considerada no seu momento un ensaio autocrítico da situación do Novo Cine Alemán e as súas deficiencias.
O monográfico continuará todos os martes de marzo e abril ás 19.30 horas na Casa das Campás e rematará o 20 de maio. Na próxima cita os asistentes poderán ver A barreira grande, ademais de participar no posterior debate para clarificar algúns dos conceptos máis importantes da técnica utilizada polo autor.

O autor

Alexander Kluge revélase un realizador esencial para entender a modernidade cinematográfica no seo da cultura xermana da segunda metade do século XX. Nado en 1932 en Halberstadt, estudou dereito, historia e música sacra, doutorouse en leis e debutou no cine coma asistente de dirección nos últimos filmes de Fritz Lang. En 1962 comeza a súa andaina literaria e firma o manifesto de Oberhausen, documento no que se tentaban establecer as bases do que se coñecerá como Novo Cine Alemán. Desde o seu debut ata hoxe, a súa obra reflicte un autor de sólida formación académica, legal e política, demostrando un alto grao de compromiso co tempo no que vive así como unha gran creatividade e experimentación ao longo da súa dilatada traxectoria.