DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Diego Germade recibiu o premio do concurso de ideas e de execución dun mural no Pavillón Universitar

Unha mostra permanente do talento que hai no campus

Os traballos presentados a este certame serán expostos na Casa das Campás no mes de xuño

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 07/05/2014

“Que mellor mostra hai do que pode facer o noso alumnado que un proxecto real e visible por todos?”, preguntouse a ex-vicerreitora do campus, Antonia Blanco, na entrega do diploma que acredita a Diego Germade como gañador do concurso que mudará para sempre o aspecto exterior do Pavillón Universitario. En calidade de presidenta do xurado que seleccionou o deseño deste estudante do máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación, Blanco acompañou nesta xornada ao seu sucesor á fronte da Vicerreitoría do campus, Juan Manuel Corbacho, no acto que serviu para presentar o mural que a partir do 30 de xuño decorará o exterior do edificio.

Unha intervención artística “harmoniosa coa contorna, sostible e perdurable no tempo” era o que a Vicerreitoría buscaba con este certame aberto a todo o alumnado do campus, como explicou Corbacho, que agradeceu a “extensa participación” nun concurso dotado cun premio de 2000 euros. Tralo acto de entrega, que tivo lugar hoxe mércores na Casa das Campás, este proxecto pasa agora a unha segunda fase, a da execución do deseño proposto por Germade, para o que disporá dun orzamento de 5000 euros. O proceso, que realizará xunto cun equipo de traballo, comezará nas vindeiras semanas.

Exposición dos traballos presentados

Por outra banda, Corbacho tamén anunciou que tanto o deseño gañador desta iniciativa como o resto dos proxectos presentados polo alumnado serán obxecto dunha exposición na Casa das Campás o próximo mes de xuño. Os deseños compartirán protagonismo cos realizados polo alumnado de posgrao de Belas Artes para o concurso convocado por esta facultade, conxuntamente coa inmobiliaria Anida, para dotar dunha nova imaxe ao exterior dun edificio de Monte Porreiro.

O movemento nunha imaxe fixa

A ex-vicerreitora e presidenta do xurado Antonia Blanco definiu o proxecto de Germade, Dinamograma Urbano, como un “traballo profesional, meditado e que encaixa perfectamente na filosofía da convocatoria”. Un proxecto que o seu propio autor se encargou de presentar neste acto aos membros do xurado e para o que buscou “unha imaxe fixa na que estivese presente a idea do movemento”. Partindo dos estudos cronofotográficos realizados a comezos do pasado século por Étienne Jules Marey para “disgregar o movemento nas súas partículas mínimas”, Germade elaborou un patrón que se repite ao longo dos dous muros nos que se realizará a intervención. Reflectir o dinamismo que caracteriza á actividade física e amosar tamén “a idea do deporte como unha práctica comunitaria” foron os dous obxectivos do autor deste deseño, que tratou de plasmar no seu proxecto “unha expresión gráfica da idea do deporte sen caer no obvio”.