DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O tronco dun cedro morto foi transformado nunha escultura

O “moucho da sabedoría” bota raíces no campus

A peza substitúe a outra anterior con forma de lapis

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 27/06/2018

Desde hai case dúas décadas, no estanque do campus de Ourense ubicábase unha escultura con forma de lapis, elaborada aproveitando o tronco dun cedro morto. O seu deterioro co paso dos anos fixo necesaria agora unha intervención que garantise a seguridade das persoas que por alí pasean cada día. Tendo en conta esta necesidade, o escultor a motoserra Eugenio Linares ven de transformar o lapis nun "moucho da sabedoría" que, pousado sobre os seu libros, habita xa o campus. 

“No seu momento deixamos o cedro morto no seu sitio dándolle a forma de lapis pero agora non tiñamos posibilidade de garantir o estado da árbore e decidimos darlle un novo uso”, explica José Manuel Pérez, responsable de zonas verdes do campus de Ourense.  A empresa que no seu momento propuxo manter o cedro no seu lugar coa forma de lapis, comenta Pérez Teijeiro, propúxolles facer unha nova escultura de modo que se puidese continuar mantendo a árbore no seu lugar. “Fixemos a proposta do moucho pensando en facer algo significativo para o campus, que puidese ser punto de reunión pero tamén de reflexión para a xente”, detalla Tino Meis, xerente de Arbogal. 

Esta semana, o artista Eugenio Linares, da empresa Arbogal, tallou a peza aproveitando o cedro morto e mantendo as súas raíces. “A parte exterior estaba moi deteriorada pero a madeira do cedro ten unha calidade única, non hai madeira mellor, e dentro estaba perfecta para este traballo”, comenta o escultor, que fai fincapé en como este tipo de esculturas só as realizan en árbores xa mortas, como neste caso.