DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CC da Educación e do Deporte acolleu as Xornadas sobre xénero e empoderamento

A muller débese facer coa batuta do discurso social

Os asistentes reflexionaron sobre a presenza feminina na agricultura, deporte e comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 23/10/2012

“Só intervimos nas conversas cando temos algo moi importante que dicir. Sentimos unha presión enorme ao tomar a palabra”. Con este exemplo, Isabel Vilalba, responsable da secretaría xeral das mulleres do Sindicato Labrego Galego, evidenciou as trabas diarias ás que hai que facer fronte por ser muller. Este martes o campus pontevedrés acolleu unhas xornadas sobre xénero e empoderamento co obxectivo de crear “un espazo de igualdade” no que debater e reflexionar sobre a situación laboral feminina en sectores como o agro, a comunicación ou o deporte. Unha das conclusións do encontro viu da man dun dos seus organizadores, o profesor Ángel Rodríguez Gallardo, que aludiu á necesidade de que a muller colabore na constitución do discurso xeral da sociedade, frecuentemente en mans masculinas. “Aínda que o feminismo foi unha das revolucións sociais máis importantes dos últimos 30 anos, o seu discurso non tivo ese calado”, apuntou.

Na xornada de mañá participaron, ademais de Isabel Vilalba, a profesora e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela, Ana Belén Puñal Rama, e Mila Alonso, xornalista de deportes e representante de Mulleres Deportistas Galegas, Mudega, que recorreu a exemplos da súa propia vida persoal para amosar as desigualdades de xénero que "sufriron" as profesionais que cubrían deportes a comezos da década dos noventa. “Cando comecei, o meu xefe decidiu que soamente estaba capacitada para escribir sobre atletismo e voleibol. Cun cambio de dirección, pasei a responsabilizarme da información sobre o RC Celta, converténdome na primeira muller que seguía a actualidade do equipo vigués todos os días”, describiu Alonso, que confesou non sentirse orgullosa de determinadas actitudes tomadas por aquel entón pois, dado o rexeitamento amosado polos seus compañeiros homes de profesión “que me vían como unha intrusa”, optou por “masculinizarse” e achegarse aos seus gustos e preferencias. Para a xornalista, a creación de espazos de igualdade debe ser unha loita de todos e todas “na que tamén teñan responsabilidade os homes, xa que é unha cuestión da sociedade e non só das mulleres”.

O illamento do rural

Isabel Vilalba debullou as principais as medidas e demandas impulsadas para atallar a discriminación das mulleres que se dedican á agricultura e á gandería nesta comunidade, tal como a Lei de Titularidade Compartida nas Explotacións, que entre outras cuestións, permite a copropiedade das terras cos seus cónxuxes. “O marco legal está dado, pero aínda non hai ningún caso de expediente solicitado. É un proceso moi burocrático que desmotiva, polo que temos que estar aí para apoialas”, apuntou Vilalba que tamén fixo alusión á reforma do sistema de cotizacións, “moi inxusto para a muller”. Por outra banda, sinalou que a redución de servizos no rural provoca que a educación dos cativos recaian aínda máis nas nais “o que provoca que non exista ningún tipo de conciliación con outra actividade”, ademais do illamento ao que se ven sometidas e a falta de acceso a unha vivenda propia, “tendo que residir nunha casa familiar que aínda complica máis a igualdade de xénero”.

A quenda de tarde trasladouse á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación coa proxección da película Evelyn, estreada este verán nas salas de cine españolas e que reflicte o mundo mental dunha muller vítima da trata de brancas. Contouse coa presenza da súa directora, Isabel de Ocampo, tamén presidenta de CIMA, Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais, que tras a filmación participou nun coloquio final que pechou as xornadas.