DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CC da Educación e do Deporte acolle unhas xornadas sobre a creación de espazos para a igualdade de x

Mulleres ao poder

Reflexionarase sobre o seu papel no sector da agricultura, do deporte e da comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 18/10/2012

Co propósito de rematar co dito “iso é cousa de homes”, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acollerá o próximo martes unhas xornadas que analizarán o papel da muller nos sectores profesionais da agricultura, do deporte e da comunicación. O encontro, organizado polos profesores Victoria Martins e Ángel Rodríguez Gallardo co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, busca converterse nun espazo de reflexión e debate interdisciplinar “coa participación de varias mulleres que crearon ou forman parte de espazos de igualdade ou que teñen mellorado os xa existentes”, explica Rodríguez Gallardo.

As xornadas familiarizarán ao alumnado co concepto de empoderamento, proceso polo cal as mulleres incrementan a súa capacidade de configurar as súas vidas e a súa contorna, “unha evolución na concienciación sobre si mesmas” que as leve a intervir en todos os sectores e a todos os niveis de actividade. Os dous profesores organizadores queren que esta xornada se converta nunha homenaxe ao esforzo, dedicación e implicación da rede social de espazos de igualdade e empoderamento, como secretarías e aulas de igualdade ou asociacións profesionais, culturais e académicas, “xa que a pesar dos recortes económicos, seguen loitando para manter viva a colaboración, o que permite garantir a participación das mulleres na toma de decisións e o acceso ao poder individual e colectivo”, engade o organizador.

Espazos nos que se loita por unha igualdade real

Os avances logrados e problemáticas que a muller traballadora debe enfrontar no sector da agricultura, do deporte e da comunicación protagonizarán o discurso das xornadas “xa que son espazos con pasos significativos para a consecución dunha igualdade real”, apunta o docente. A pesar das melloras, Anabel González Penín, directora da Unidade de Igualdade da Universidade, subliña que son profesións “que non deixan de ser moi diferentes a outras que están tradicionalmente masculinizadas”, referíndose en concreto á vida no agro, no que a muller participa e traballa activamente nos labores “pero o home segue a ser o titular das explotacións, o que relega os seus dereitos económicos”, engade. No referido á práctica deportiva, González Penín móstrase tamén crítica pois considera que as competicións masculinas priman sobre as femininas. “O tempo que os medios de comunicación lle dedican ás primeiras é infinitamente maior que ás segundas”, ademais de non favorecer á promoción do deporte igualitario “xa que prestan atención a prácticas ‘tipicamente femininas’, como natación sincronizada ou ximnasia rítmica, e esquécense do fútbol e do baloncesto xogado por mulleres”, subliña a directora da unidade, un tratamento diferente e sexista que tamén se observa na profesión xornalística e comunicativa.

Tras o acto inaugural encabezado pola propia directora da Unidade de Igualdade da Universidade, por Francisca Fariña, decana da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e polos profesores organizadores, tomará a palabra Isabel Vilalba, responsable da secretaría xeral das mulleres do Sindicato Labrego Galego, quen compartirá as medidas e demandas impulsadas para atallar a discriminación que sofren as preto de 35.000 mulleres que se dedican á agricultura e á gandería nesta comunidade, como o impulso á Lei de Titularidade Compartida nas Explotacións, que entre outras cuestións, permite a copropiedade das terras cos seus cónxuxes.

A análise do papel da muller no eido da comunicación será debullado pola profesora e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela, Ana Belén Puñal Rama, con numerosos escritos sobre o tratamento da prostitución nos medios. A xornada de mañá pecharaa Mila Alonso, xornalista de deportes e representante de Mulleres Deportistas Galegas, MUDEGA, unha asociación sen ánimo de lucro que naceu en 2008 coa finalidade de promover a igualdade e a participación das mulleres na competición a todos os niveis.

A quenda de tarde trasladarase á aula 5 da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación coa proxección da película Evelyn, estreada este verán nas salas de cine españolas e que reflicte o mundo mental dunha muller vítima da trata de brancas. Contarase coa presenza da súa directora, Isabel de Ocampo, tamén presidenta de CIMA, Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais, que tras a filmación participará nun coloquio final que pechará as xornadas, abertas a toda a comunidade universitaria e á cidadanía en xeral “para divulgar o traballo que se está a levar a cabo e para concienciar sobre os principais escollos aos que se enfrontan as mulleres dende os diferentes sectores na consecución da igualdade”, conclúen González Penín e Rodríguez Gallardo.