DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Laura Seara, directora do Instituto da Muller, participa nun curso de verán do campus de Ourense

As mulleres, as grandes tecedoras de redes de solidariedade

Advirte que arredor do 95% dos coidados recaen en mans femininas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 01/07/2011
Durante unha semana o curso de verán Mulleres, Coidados, Benestar Social estivo afondando nos roles de xénero no eido dos coidados. Como peche, este venres, Laura Seara, directora do Instituto da Muller, acudiu ao campus de Ourense para falar “das grandes tecedoras de redes de solidariedade, de espazos de axuda, de afectos, de relacións” que son as mulleres. Cunha cifra do 95% dos coidados en mans das mulleres, Seara advertiu de que “as mulleres asumen case en solitario os coidados, a pesares de ser un problema de todos, de homes tamén”. Contra esta situación, avogou por continuar coa implementación da Lei de Dependencia.

A directora do Instituto da Muller comezou a súa intervención amosando a súa satisfacción por participar no curso de verán Mulleres, Coidados, Benestar Social, coordinador por Purificación Mayobre e o grupo SIEX e patrocinado pola Vicerreitoría do Campus, a Deputación Provincial de Ourense e a Concellaría de Benestar Social ourensá. “O tema dos coidados é un tema moi importante, necesario e fundamental, de xeito particular en Galicia e máis en Ourense, polo seu envellecemento”, salientou.

Seara chamou atención sobre a repercusión que ten na vida persoal, profesional e persoal das mulleres o feito de asumir a case práctica totalidade dos coidados. “Faise a costa dun gran custe, renunciando ao traballo remunerado, a ascender profesionalmente e a unha participación social máis activa; acaparando o traballo a tempo parcial e as excedencias, e tendo unha dobre xornada de traballo, dentro e fóra da casa”, explicou.

Devorador de tempo

A directora do Instituto da Muller advertiu que “o principal devorador do tempo das mulleres é o coidado das persoas, máis que a formación ou que calquera outro aspecto”. Na asunción desta carga de traballo, quixo chamar a atención sobre o papel que xogan os sentimentos. Deste xeito advertiu que é importante ser conscientes de que cando unha muller renuncia a un posto de traballo ou a un ascenso por coidar a un familiar nesa decisión interveñen tamén os afectos.

Para corrixir esta situación desigual, a directora do Instituto da Muller lembrou que foi un paso moi importante a aprobación da Lei de Dependencia. “Foi unha resposta dos poderes públicos para intentar cubrir as necesidades das persoas dependentes pero tamén das persoas que as coidan”. Esta lei supuxo na súa opinión o paso dun modelo asistencial a ou modelo de dereito. Asegura que ata 2014 non estará plenamente implementada pola complexidade de aplicación debido ao reparto de competencias coas comunidades autónomas. Complexidades de aplicación que, advertiu, no caso de Galicia se acrecentan debido ao envellecemento da súa poboación e á súa dispersión xeográfica.