DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os días 27 e 28 de febreiro en Ciencias Económicas e Empresariais, aberta ao público en xeral

Multiplícanse as actividades da feira EmpregoInCampus ao uirse ao Foro Fundamental

Participarán máis dun cento de empresas e inclúense convidados como Leo Harlem ou Desirée Vila

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Feiras e exposicións
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 21/02/2024

Acceso directo aos responsables de selección de máis dun cento de empresas de diversos sectores (Abanca, Bimba y Lola, Coren, Decathlon, Deloitte, Leroy Merlin, Grupo Zendal...), mesas redondas, obradoiros e mesmo un posto específico no que facer unha foto de calidade coa que a alumna ou alumno poida actualizar o seu CV ou redes sociais profesionais. A feira EmpregoInCampus únese este ano á 3ª edición de Fundamental: Foro de Talento, promovido pola Fundación Mentor, uníndose así dúas iniciativas que naceron co obxectivo común de facilitarlle a empregabilidade ao estudantado. Será os días 27 e 28 de febreiro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias, con asistencia de balde e abertas ao público en xeral, previa inscrición.

“Ademais de coas diferentes escolas e facultades, este ano colaboramos estreitamente co Foro Fundamental, vinculando a feira coas actividades complementarias que forman parte do foro e que achegan moitísimo valor á formación do alumnado”, resalta a directora da Área de Emprego e Emprendemento, Maruxa Álvarez, ao tempo que explica que as actividades do foro están pensadas para que sirvan de inspiración ao alumnado en diversas temáticas, “pero, sobre todo, son charlas e mesas redondas nas que se tratan valores esenciais de desenvolvemento persoal, o que é clave para acadar unha traxectoria profesional exitosa”. Entre outras, contarase cun monólogo do actor cómico Leo Harlem, unha charla da atleta paraolímpica Desirée Vila, así como do ex-xogador de baloncesto, subcampión olímpico, Juan Manuel López Iturriaga.

Todas as actividades concentradas nun mesmo lugar

A idea é que haxa unha retroalimentación entre o alumnado que asistirá a estas actividades e a feira, xa que ambas compartirán os espazos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, “sen necesidade de trasladarse a outras zonas do campus ou da cidade, como viña acontecendo en convocatorias anteriores”.

Dentro da feira EmpregoInCampus mantéñense as actividades do Pasaporte de Empregabilidade que promove a Área de Emprego e Emprendemento. Unha das que máis éxito tivo na anterior edición foi o Servizo de Fotografía, polo que pasaron centos de estudantes, así como a revisión dos CV para todas as persoas que queiran asegurarse contar cun documento acorde aos seus coñecementos, competencias e capacidades.

Desde a Área de Emprego e Emprendemento animan a inscribirse a todo o alumnado. “Fai falla que sexan conscientes de que teñen moitísimo que gañar, das oportunidades que se lles poñen ao seu alcance e, o máis importante, que sala deles o feito de que queiran ir descifrando e preparando o seu futuro profesional”, salienta Álvarez, ao que engade que “son xa moitas as alumnas e alumnos que atoparon o seu posto de traballo ou unhas prácticas tras a súa visita á feira, pero custa chegar”.

A entrega do CV ás empresas faise a través dun código QR que se xera cando as persoas candidatas (estudantes e alumni) se rexistran

Novas citas co emprego en marzo e abril

Á celebración de EMPREGOinCAMPUS  e do Foro Fundamental, sumaráselle os días 5 a 7 de marzo o Foro Tecnolóxico de Emprego, onde haberá unha maior representación de empresas que buscan talento nos ámbitos das enxeñarías; e nunha terceira feira, tamén xenérica pero cunha maior representación de empresas do ámbito agrobiolóxico, turístico e da intervención social no campus de Ourense o día 18 de abril.