DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así o demostra o proxecto expositivo ‘Arte Encontrada’, promovido por alumnado do Grao en Educación

As musas da creatividade chámanse esforzo e traballo

A mostra parte do concepto de ‘ready made’ de Duchamp para crear instalacións con material reciclado

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 12/06/2012

Existe a crenza de que as musas da creatividade só brindan inspiración a uns poucos privilexiados, pero na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte faise caso omiso dos mitos e prefírese defender que a única fórmula máxica é a combinación de traballo e esforzo. Así llo demostrou a profesora Rut Martínez ao alumnado de terceiro curso do Grao en Educación Infantil co proxecto expositivo Arte Encontrada, que promove a creación dende unha perspectiva cultural e construtiva. “Como docente interésame que os alumnos e alumnas destrúan a idea de creatividade como don innato en mans duns poucos privilexiados para que asimilen que é unha capacidade que se pode educar e desenrolar”, explica Martínez, responsable da materia Obradoiro de Creatividade Artística.

A finalidade desta proposta, que “enche de vida” á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus, é facilitar ao estudantado do grao unha nova experiencia artística que permita romper os prexuízos de que a creación é soamente resultado “dunha elite con grandes destrezas manuais e/ou expresivas”, apunta a docente. Así, este proxecto serviu para que os propios alumnos e alumnas “se autorizasen, se sentisen capaces de facer as súas artes”, deixando de posicionarse ante o feito creativo como “eu non teño man para a arte”, a pensar que “si poden ser creadores”. O certo é que o alumnado acolleu positivamente a proposta “aínda que nun principio houbo certa resistencia polo feito de ter que enfrontarse a un reto novo e diferente”, destaca a profesora que está moi satisfeita cos resultados conseguidos.

18 instalacións con material atopado na rúa

A exposición Arte Encontrada integra 18 instalacións confeccionadas con material reciclado, “a base de obxectos atopados no lixo, na rúa, no monte... que foran desbotados por outras persoas”, destaca un grupo de alumnas, que os reutilizaron e redefiniron modificándoos lixeiramente. A mostra parte do concepto de ready-made do artista francés Marcel Duchamp, polo que que cada proposta está vinculada coa experiencia e a subxectividade do alumnado. “No transcurso do proceso foron comprendendo que o prioritario non era crear un obxecto bonito esteticamente segundo o establecido, senón pór en valor e dotar de novo significado os obxectos atopados, outorgando unha nova perspectiva afectiva, emocional, relacional, política, social...”, aclara Rut Martínez. Calzado, maletas, televisións, rodas de bicicletas, material de construción, antenas, xaulas, xoguetes, restos de adornos dun muro... son algúns dos materiais que os alumnos rescataron da rúa e enriqueceron co seu toque artístico e persoal.

Aínda que de temática libre, moitos dos estudantes aproveitaron as súas obras para achegar a súa visión persoal sobre diversas problemáticas da sociedade actual. A mostra inclúe varias creacións que reflexionan sobre a infancia “xa que somos futuros docentes preparados para ensinar a esas idades”, o paro, “sobre todo no eido da construción”, o fenómeno da emigración ou sobre os poder dos medios de comunicación. Pero o gran nexo condutor desta exposición é a crítica ao excesivo consumismo no que a cidadanía está inmersa, “desfacéndose de cousas e botando ao lixo obxectos que poden ser moi útiles para outros”, apuntan os alumnos.