DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Responsables da Vicerreitoría do campus reuníronse este xoves coa súa directora

O Museo de Pontevedra colaborará coa UVigo no desenvolvemento do Campus Crea

Ángeles Tilve incorporarase ao comité consultivo do proxecto de especialización

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Institucional
DUVI Pontevedra 01/02/2024

A Universidade de Vigo contará coa colaboración do Museo de Pontevedra no proceso de traballo que se está acometer para acadar a acreditación do Campus Crea como campus de especialización. Así o sinalaron tanto a vicerreitora Eva María Lantarón como a directora do Museo, Ángeles Tilve, tras a reunión que mantiveron este xoves na Casa das Campás. “Estamos facendo unha revisión do plan estratéxico inicial, na que para nós é indispensable a colaboración de axentes externos que poidan achegarnos as súas ideas e coñecemento na mellora do proxecto”, salientou Lantarón tras un encontro no que tamén participaron a directora de Área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Ferández Souto, e o director da Área Adxunta á Vicerreitoría, Luis Torres.

“O proxecto de especialización paréceme moi interesante e para nós é un privilexio poder colaborar”, salientou Tilve, que o pasado mes de setembro asumía á dirección desta institución museística, dependente da Deputación de Pontevedra. Nese senso, no seu primeiro encontro con responsables da Vicerreitoría, destacou a súa vontade de “fortalecer os lazos entre as dúas institucións” e reiterou a colaboración do Museo cun proxecto que podería “ser moi satisfactorio para todos”.

Nese senso, un dos propósitos da xuntanza foi presentarlle os traballos que se están a acometer para que o proxecto do Campus Crea poida someterse á acreditación da Xunta de Galicia, incidindo, como sinala Fernández Souto, “na perspectiva de que cun campus de especialización en creatividade non só gaña á Universidade, senón toda a cidade”. 

Incorporación ao comité consultivo xurídico-social

Outra das cuestións abordadas na reunión foi a incorporación de Tilve ao comité consultivo social-empresarial do Campus Crea, un órgano asesor que conta con representantes de diferentes institucións, asociacións e entidades, co obxectivo de poder contar tamén co asesoramento do Museo nos traballos de preparación da documentación necesaria para someterse ao proceso de acreditación.

Ao mesmo tempo, sinala Fernández Souto, Tilve tamén “abriu as portas a buscar novas colaboracións” coa Universidade, ademais das que xa mantén con facultades como Belas Artes, así como a abordar “novas fórmulas” de cooperación e coordinación no “eido da organización de eventos culturais”, tendo en conta tanto a relevancia do Museo de Pontevedra neste eido como o propio papel da Vicerreitoría como un “axente cultural” da cidade.