DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comeza este xoves cun concerto inédito de CatPeople e Second

A música apodérase do programación cultural de primavera

A Miteu traslada parte das obra de teatro ao Auditorio Municipal do Concello

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 05/03/2012

A música será a protagonista indiscutible da programación cultural do segundo cuadrimestre no campus do Vigo con catro concertos que unirán baixo un mesmo paraugas os sons máis indie coa tradición folk máis arraigada en Galicia e na Bretaña. A escena teatral estará presente, como cada primavera, coa Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu, que este ano traslada parte das representacións ao Auditorio Municipal do Concello.

A música comezará a soar este xoves coa actuación de CatPeople e Second, nun “concerto único que unirá a dous grupos nun espectáculo que será difícil que se volva repetir”, explica Alfonso Caride, técnico de Actividades Culturais. A cita será o día 8 no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria ás 18.30 cun man a man entre os vigueses CatPeople e os murcianos Second, representantes ambos dos sons máis emerxentes da actualidade. A súa colaboración trasladarase tamén a Murcia o día 24 deste mes de marzo pero traspasará en ambas datas o escenario para calzarse as botas de fútbol. Ambas bandas, moi afeccionadas a este deporte, mediranse no campo cun encontro en cada unha das cidades, un xeito máis de irmandar dous grupos cun impecable directo e unha enorme proxección de futuro.

Sonora12 aposta polos valores locais

O xa tradicional Festival Sonora aposta desta volta polo valores locais emerxentes e xuntará no escenario ás bandas viguesas Trampoline e La Familia o 22 de marzo. Segundo explica Alfonso Caride, “optamos en tempos de crise por manter un festival de música no campus e facémolo apostando por grupos locais” que mesturan sons tan distantes como o indie e o folk. Pero o cartel aínda non está cerrado e dende a Vicerreitoría de Extensión Universitaria non pechan a porta a “unha nova incorporación de última hora, una sorpresa para este Sonora12”.

Espazo para a música tradicional

Deixando de lado a música pop, melódica e indie, nesta programación de primavera haberá un oco especial para a música de raíz, con dous concertos nos que se mesturan tradición e vangarda do folk, raíz galega e sons bretóns. O primeiro convidado será o músico bretón Patrick Molard, un dos máximos expoñentes da gaita escocesa no mundo e membro de algúns dos grupos de máis renome dos últimos anos como Gwendal ou Dan Ar Bras. No Edificio Miralles ofrecerá o 11 de abril un concerto didáctico no que amosará aos asistentes toda a tradición de música celta e os diversos tipos de gaitas e outros instrumentos.

O seu relevo tomarao un mes despois, o 16 de maio un dos nomes emerxentes da música tradicional galega, Sés, chamada a ser a nova voz do folk galego. O seu concerto acústico, acompañada tan só por unha guitarra, coincidirá coa entrega dos premios da Área de Normalización Lingüística e cos actos de conmemoración do Día das Letras Galegas.

O teatro non deixar de ser referente na programación cultural do segundo cuadrimestre, coa celebración da Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu, que este ano traslada parte das representacións ao Auditorio Municipal do Concello. “A idea é facer partícipe á cidadanía da gran calidade dos grupos que participan nesta xa máis que tradicional cita co teatro universitario”, indica Caride. O festival celebrarase do 17 ao 26 de abril repartido entre o Teatro Vidal Bolaño (do 17 ao 19) e o Auditorio (do 24 ao 26).