DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolle unha xornadas sobre música e sociedade

A música do século XX é "historia"

Estudantes da Universidade afondarán nas raíces do punk, do rock e na traxectoria de destacados músi

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 11/04/2012

Hai músicos e músicas que fan historia. É o caso do punk ou do grounge, de figuras como Bob Marley ou Kurt Cobain e de fenómenos sociais como o de Candeal ou a canción protesta na transición democrática en España. Todos eles teñen un oco na historia pola súa repercusión cultural e/ou social. Para afondar neste tema, a Facultade de Historia do campus de Ourense acolle desde este mércores e ata o 26 de abril as xornadas Música e sociedade no século XX. Nelas, estudantes da Universidade de Vigo subirán á palestra para falar de algo que lles apaixona e lles motiva, da música e dos seus ídolos.

A iniciativa, organizada pola Facultade de Historia, a Delegación de Alumnos do centro e a Asociación ALEOUH, foi inaugurada este mércores por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia. Durante a súa intervención, a decana salientou o valor desta iniciativa por xurdir a proposta do propio alumnado e pola temática elixida, pois “nestes malos tempos a música dá saída á felicidade e é un bálsamo para a xente que o está a pasar mal”. Segundo destacou Comendador, “a música ten moito de historia, de construción de identidades persoais e grupais” e como exemplo da súa xeración amosou a camiseta de Los Ramones que levaba posta, “un grupo que foi a nosa bandeira e que o segue sendo en moitos aspectos da nosa vida”. Por este motivo e empregado o lema dos conxunto musical, inaugurou as xornadas con un “Let´s go!”.

Pola súa banda, María Lameiras quixo salientar que a iniciativa leva o selo do Campus ConVida, pois “a música é un instrumento de relación e convivencia” e o Campus ConVida pretende promocionar os hábitos de vida saudables no eido físico e psicolóxico. “Queremos que a comunidade universitaria entenda que o campus tamén é un espazo para desenvolverse como persoas e este tipo de iniciativas contribúen a traballar neste camiño”, apuntou.

Do punk ao folk galego

Trala inauguración oficial, as conferencias comezaron a cargo das alumnas de segundo curso de Educación Social Carmen Pérez e Antía Miguez, que fixeron un repaso pola relación das drogas cos diferentes movementos e músicos do século XX e a primeira década do XXI, facendo especial fincapé en figuras como Jim Morrison, Kurt Cobain, Enrique Urquijo e Amy Winehouse. O “milagre de Candeal” e a música como medio de integración social en Brasil foron os outros dous temas protagonistas desta primeira sesión das xornadas, ás que asisten arredor de trinta persoas.

Con esta sesión comezou un amplo programa de intervencións que terán continuidade os días 12, 16, 18,19, 23, 25 e 26 de abril no campus de Ourense. Durante as conferencias haberá tempo para afondar en Venezuela e o seu sistema de integración social a través da música, no fenómeno de Bob Marley, nas orixes sociais da música tradicional italiana, no movemento grounge, no rock e a súa historia, na orixe social do punk, no rock e o heavy nos anos 80 en España, no folk en Galicia, en Woodstock e o movemento hippie, na música ante o franquismo e na música de África.