DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 30 de marzo comeza o ciclo ‘Derradeira e Definitiva’ coa obra 'Labirinto con vistas ao amor'

Música e teatro todos os venres na Casa das Campás

O programa completa a oferta cultural da capital e está aberto a toda a cidadanía

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 27/03/2012
A cultura e o lecer tamén teñen cabida na programación de primavera da Casa das Campás. Este venres bota a andar unha nova edición do ciclo Derradeira e Definitiva, unha proposta de ocio que combina representacións teatrais e concertos musicais “para rematar a xornada de traballo e comezar con bo pé a fin de semana”, explica Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus de Pontevedra. Esta oferta de ocio está aberta a toda a cidadanía e será totalmente gratuíta xa que “dende a Universidade quérese ofrecer un servizo público que atenda ás necesidades culturais do tecido social co que convive”, engade Fernández Souto. A obra de teatro Labirinto con vistas ao amor, que reflexiona sobre as experiencias vitais do ser humano, inaugura este 30 marzo o ciclo Derradeira e Definitiva, que se manterá todos os venres ata o 18 de maio.

Respectando a mesma liña coa que foi concibida a programación de primavera da Casa das Campás, este ciclo de teatro e música ten como obxectivo servir de complemento á oferta cultural doutras institucións da cidade pontevedresa, pois, como destaca Fernández Souto, “está pensada en primeiro termo para un público minoritario que non se sente identificado co ofrecido comunmente”, de aí que se programen concertos de jazz e obras de teatro “moi difíciles de atopar noutros espazos da cidade”.

Música e teatro para todos os venres

Tras o primeiro pase este 30 de marzo, o ciclo Derradeira e Definitiva volverá tras as vacacións de Semana Santa o vindeiro 17 de abril coa obra de danza-teatro Desterrar ao sol, que aborda o tema da prostitución. O 20 de abril terá lugar o primeiro concerto de jazz da man da St James Street Band que darán paso o venres 27 a un espectáculo no que a maxia terá un protagonismo especial. Maio comezará cun recital de Germán Díaz coa súa zanfona e o día 11 do mes celebrarase un teatro encontro no que os espectadores tamén pasarán a formar parte da obra. Como peche da programación xeral da Casa das Campás, terá lugar unha actuación musical “moi especial” na que se mesturarán os acordes de guitarras acústicas cos de dous bouzoukis, instrumento de corda de orixe grego, “para ofrecer unha despedida moi exótica”, engade a directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus.