DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con catro itinerarios, as clases de desenvolveranse en Coruña, Santiago e Vigo

Nace un mestrado en Economía, interuniversitario e pioneiro en Galicia

Formará para a toma de decisións estratéxicas e para continuar co doutoramento

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 20/06/2018

O sistema universitario galego estreará o vindeiro curso un mestrado pioneiro en Economía no que están implicadas as tres universidades galegas coa coordinación de Vigo. Trátase dunha aposta formativa innovadora porque a oferta existente ata agora enfocábase a aspectos profesionais específicos e especializados, pero non existía ningún mestrado amplo que integrase nun mesmo currículo aspectos profesionais xunto con aspectos académicos e científicos no eido da Economía. O mestrado ten un carácter semipresencial e está coordinado polo catedrático de Análise Matemática da Universidade de Vigo Carlos Hervés, que explica que o obxectivo xeral do título é formar profesionais en economía e empresa cunha elevada formación académica que lles permita tanto incorporarse á vida profesional cunha elevada capacitación para a toma de decisións estratéxicas como afrontar con éxito posteriores estudos de doutoramento. “Entendemos que tal e como se pretende configurar este título, non existe no Sistema Universitario de Galicia unha oferta formativa semellante”. 

A idea de poñer en marcha este título, segundo explica o coordinador xeral, Carlos Hervés, e un dos coordinadores en Vigo, Eduardo Giménez, do Departamento de Fundamentos da Análise Económica –xunto cos catedráticos Juan Surís e Manuel Varela, de Economía Aplicada-, está ligada ao Programa de Doutoramento Interuniversitario en Análise Económico e Estratexia Empresarial, que “precisa e demanda a existencia dun programa de mestrado que proporcione a formación e o nexo adecuado entre a formación de grao e a etapa de doutoramento”, de modo que os estudantes cheguen ao programa de doutoramento interuniversitario sen carencias e cunha formación sólida.  Deste xeito, o programa “completará a formación obtida nos graos en Economía, ADE ou outras titulacións similares e que capacite ao alumnado para exercer unha actividade profesional ou ben abordar un programa de doutoramento competitivo a nivel internacional”. A posta en marcha do mestrado está tamén en relación cos obxectivos da agrupación estratéxica Ecobas, sendo un deles a promoción de ofertas formativas académicas de posgrao. Como remarcaba o profesor Hervés, coordinador tamén de Ecobas, “é imposible motivar ao persoal investigador se non contan con estudantes competentes”.

Segundo os coordinadores, o máster proporcionará unha formación avanzada nos modelos, técnicas e metodoloxías das ciencias económicas e da empresa así como as ferramentas estatísticas e matemáticas necesarias para comprender e analizar con rigor a realidade económica e empresarial actual. Todos estes coñecementos económicos avanzados e de métodos cuantitativos capacitarán aos seus egresados e egresadas para realizar un traballo profesional con sólidos fundamentos de aplicación nas distintas áreas da administración pública e dos sectores económico empresarial público e privado. O mestrado nace cunha orientación semipresencial nas tres universidades de xeito que o alumnado poderá seguir as clases ben en persoa, ben virtualmente dende unha aula de videoconferencia en cada campus con docentes de apoio. En total comprenderá 60 créditos e terá un ano de duración. O prazo de preinscrición abriu o 1 de xuño na USC e na Universidade de Vigo faro o 22 de xuño e na Coruña o 24.

Catro itinerarios

O mestrado está dirixido a alumnado de Economía, Administración e Dirección de Empresas, Enxeñaría e incluso Matemáticas e Física, xa que como explica o profesor Giménez, “as empresas financeiras demandan moitos físicos e matemáticos para computar produtos financeiros”. Aínda que o título está pensado para estudantes que aspiran a continuar coa súa formación académica, tamén contempla unha formación de alto nivel útil para, por exemplo, postos de alta dirección en empresas e institucións públicas e privadas ou profesionais de libre exercicio no ámbito da consultoría e o asesoramento especializado económico-empresarial. Así, o programa persegue unha tarefa dobre, cunha primeira parte obrigatoria na que o alumnado aprende coñecementos de economía, métodos cuantitativos e ferramentas de investigación. A segunda parte, optativa, poden aprender contidos ou afondar en coñecementos puramente académicos.  Por este motivo, o mestrado ten catro especialidades, tres delas profesionalizantes. A primeira delas impártese na Coruña centrada nas políticas públicas e a análise económica rexional; a segunda, impartida en Santiago, aborda economía e finanzas e, como explica Hervés, achega ao alumnado ao mundo das finanzas cualitativas dende o punto de vista da análise económica. O terceiro itinerario impartirase en Vigo centrado en economía e sociedade, especialmente orientado á economía da pesca, dos recursos naturais e da enerxía e tamén da desigualdade, “área na que temos os mellores especialistas de Galicia, como os docentes dos grupos Erenea, REDE e Ecosot. Finalmente, o cuarto itinerario é académico e común ás tres universidades. Esta será a liña axeitada para o estudantado que desexe realizar un doutoramento en calquera área da economía e a empresa. 

Perfil internacional

O profesor Eduardo Giménez destaca o potencial do mestrado para fomentar a internacionalización do alumnado. Por unha banda refírese á capacitación profesional que obteñen para traballar para organismos internacionais como o Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional, as vinculadas ás Nacións Unidas (FAO, OIT, OMI...) ou institucións da Unión Europea, “que esixen contar cun mestrado que proporcione un currículo con contidos analíticos e cuantitativos”. Por outra banda, tamén remarca a capacitación académica que proporcionará o máster ao alumnado que curse o itinerario de análise económica, que terán máis posibilidades á hora de cursar o doutoramento en centros punteiros mundiais. O profesor Hervés lembra que “os estudantes de Vigo estaban entre os mellores realizando o doutoramento en universidades punteiras neste campo”, pero agora, tras a adaptación ao EEES e a redución da duración da carreira, os docentes consideran que precisan realizar un mestrado para “estar en condicións de competir con alumnado internacional, ás veces incluso sobrecualificado”, conclúen.