DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ofrece información sobre este deporte e sobre os equipos do campus

Nace 'Bajo Palos', a nova revista do rugby ourensán

O primeiro número xa está dispoñible en formato electrónico e en papel

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 13/04/2011
O rugby ourensán está gozando dun momento extraordinario. O Campus Ourense Rugby vén de gañar a Liga Galega, estreáronse as novas instalacións deportivas para a práctica deste deporte no campus e a canteira medra tanto en rapaces como en rapazas. Para continuar esta boa tempada, o Campus Ourense Rugby vén de crear a súa propia revista, chamada Bajo Palos. Cunha periodicidade trimestral, a publicación nace para formar e informar sobre este deporte e para difundir o traballo que realizan os xogadores ourensáns.

Ernesto Barboza, adestrador do Campus Ourense Rugby, explica que a iniciativa “é un proxecto no que levabamos tempo traballando cos obxectivos de visibilizar máis o traballo que estamos facendo, de incrementar os siareiros e de fomentar a práctica deste deporte”. O número cero da publicación xa está dispoñible en formato electrónico na web do equipo. Tamén se editaron 300 exemplares en papel que están sendo repartidos en instalacións deportivas, cafeterías universitarias e espazos similares. Con esta distribución os seus organizadores agardan que a publicación chegue tanto á comunidade universitaria coma aos amantes do deporte e aos compañeiros doutros equipos de rugby.

“Con Bajo Palos queremos conseguir novos espazos de promoción para o rugby que nos permitan transmitir os seus valores e características a través das palabras e as imaxes, non só a través do xogo no campo” explica Barboza. Para acadalo, a revista comeza respostando á pregunta de que é o rugby e páxina a páxina explica dun xeito moi visual diferentes conceptos deste deporte, amosa como coidar as lesións e recolle os resultados das diferentes ligas nas que está presente o rugby ourensán.

Valores e canteira

A primeira portada da revista está dedicada a un fito histórico do equipo, a consecución da liga galega de rugby 2010/2011, e a súa carta de presentación salienta outro feito relevante para este deporte na provincia, a inauguración das novas instalacións deportivas exteriores do campus de Ourense, que contan cun campo de futbol-rugby.

Con estes dous referentes, o adestrador salienta que se está consolidando e ampliando a canteira de xogadores e que esta xa está comezando a dar os seus primeiros froitos. Entre eles, Barboza salienta que a pasada fin de semana os equipos cadetes e infantís realizaron a súa primeira xira polo País Vasco. Na súa visita, os ourensáns tiveron a oportunidade de medir o seu xogo co Uribealdea, ao que gañaron 7-12, e de gozar vendo xogar a diferentes equipos vascos. “Con esta iniciativa as categorías inferiores do Campus Ourense Rugby puideron convivir e ter unha fin de semana de rugby, unha experiencia inesquecible para os rapaces que agardamos se poida converter nunha tradición para as categorías do club” explica Barboza.