DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Asiste en Suecia xunto con expertos internacionais á 'European Timber Measurement Meeting'

Nacións Unidas recorre ao profesor Juan Picos para coñecer o sistema de medición forestal en Galicia

O encontro ten como finalidade analizar o papel das novas tecnoloxías neste eido

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 09/09/2011

Galicia é a comunidade autónoma española máis relevante dende o punto de vista forestal polo que calquera avance no proceso de transformación da madeira pode supor un paso importante na mellora da xestión e da rendibilidade da industria. Baixo esta premisa, o grupo de investigación AF4 da Escola de Enxeñaría Forestal traballa en metodoloxías de medición adaptadas á realidade galega dos pequenos propietarios e a dos montes veciñais en mancomún. Para expor as conclusións deste traballo, o profesor Juan Picos foi convidado á European Timber Measurement Meeting. Esta xuntanza, liderada por Nacións Unidas, estase a celebrar na cidade sueca de Norrköping coa participación de representantes dos principais países en produción forestal de Europa para a búsqueda de novas metodoloxías na medición de madeira que permitan coñecer a disponibilidade do material en contextos puntuais e evitando procesos como o pesado dos camións que transportan os troncos.

Organizado pola Comisión Económica para Europa das Nacións Unidas, UNECE e pola Organización para a Agricultura e a Alimentación das Nacións Unidas, FAO, en colaboración coa Universidade Agrícola de Suecia, o encontro tenta establecer medidas eficaces para a completa trazabilidade da madeira e de outros produtos forestais, mediante a análise dos casos de Galicia, Finlandia, Alemaña, Austria, Suecia, Noruega, Rusia, Bielorrusia e Polonia. O emprego das novas tecnoloxías de medición no proceso de seguimento é un dos eixes principais de debate, afondando nos beneficios e as posibilidades de aplicación de dispositivos móbiles dotados de GPS, de láser, raios X, ultrasóns, sistemas de intelixencia artificial ou de análise de imaxes, que en países como Suecia xa se están empregando.

O caso galego

En Galicia, as medicións de madeira fanse mediante básculas para pesar os camións en fábricas e serradoiros. “Ademais, tómanse mostras e calcúlase a densidade para transformar o peso, moi dependente da humidade, en volume, unha medida moito máis estable”, explica Juan Picos. Recentemente comezáronse a desenvolver métodos con láser e visión artificial “que permiten escanear un camión e calcular directamente o volume, o número e as características dos troncos que transporta. Non existe unha instalación deste tipo en Galicia, aínda que posiblemente pronto teremos algunha”, engade. Pero o principal reto para a industria é lograr métodos de medición eficaces para as parcelas pequenas, “xa que en moitos casos as dimensións dos terreos complican o emprego dos métodos tradicionais cunha boa relación custe/exactitude”.

Un control exhaustivo do material dispoñible en todos os procesos de transformación “favorecería en xeral a todo o sector, porque faría máis competitivos aos produtores ao mellorar o seu coñecemento e ás empresas porque xestionarían máis eficientemente as súas compras, ademais de permitir que a madeira galega puidese ter a oportunidade de entrar en mercados esixentes”, aclara Juan Picos. Por outra banda, a mellora de información forestal en xeral “debe permitir a aplicación de mellores políticas e de máis eficacia nas medidas de estímulo á xestión forestal sostible”, conclúe o investigador.