DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Papá Noel visitou aos máis cativos na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

O Nadal chegou con adianto á Escola Infantil do campus

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 18/12/2013

Uns días antes do previsto, os nenos e nenas da Escola Infantil do campus recibiron a visita de Papá Noel, quen non faltou á festa de Nadal que na tarde deste xoves organizou o equipo educativo do centro na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Ademais de recibir de mans deste ilustre visitante o que foi probablemente o seu primeiro agasallo de Nadal, os nenos e nenas desta Escola Infantil puideron tamén gozar, xunto cos seus pais e nais, dunha merenda na que non faltaban os doces típicos destas datas e cantar e bailar ao ritmo que marcaba o acordeón do profesor de música Juan Mariños.

De novo, esta festa de Nadal da Escola Infantil foi trasladada ata o ximnasio da facultade contigua, dado que o centro quédase pequeno para atender a todos os convidados a unha celebración aberta ás familias dos máis novos e novas. “Pais e nais participan en moitas actividades na escola ao longo do curso e o que intentamos nas festas é que se divirtan”, sinalou Ángeles Rodríguez, directora do centro. E así foi, posto que foron varios os proxenitores que se sumaron aos cativos e cativas para dar palmas e bailar ao ritmo que marcaba Juan Mariños, profesor da Escola de Música de Campelo, Poio, que se ofreceu voluntario para amenizar o primeiro treito desta celebración.

Cando a música deixou de soar, nenos e maiores sentaron no chan para asistir á anunciada visita de Papá Noel, que apareceu no ximnasio de Ciencias da Educación e do Deporte cunha saca chega de agasallos. Un por un, os nenos e nenas foron recibindo con sorpresa o presente que este barbudo visitante lles entregaba e que eles mesmos elaboraron semanas atrás. Porque, como apunta Ángeles Rodríguez, os agasallos eran unha serie de figuras de arxila para pendurar nunha árbore de Nadal que os propios cativos fixeron e pintaron na escola.

Á fin e ao cabo, o obxectivo desta festa era que “os nenos poidan gozar desta época do Nadal” cos seus símbolos máis tradicionais, como explicou Rodríguez. Non podían faltar, xa que logo, doces tan populares nestas datas como o turrón e os polvoróns, que formaron parte da merenda desta festa grazas á contribución de pais e nais.

Máis festas por diante

A actividade non remata esta semana na Escola Infantil do campus, senón que continúa nas vindeiras datas, coa excepción de xornadas sinaladas como o 24 ou 25 de decembro e os días de fin de ano e aninovo. De aí que a deste xoves non sexa a única das festas das que poderán gozar os nenos e nenas de 0 a 3 anos deste centro. De feito, o vindeiro luns 23, a escola do campus será obxecto doutra festa de Nadal, con música e baile, xa dirixida só ao alumnado. Na semana seguinte continuarán as celebracións e o día 30 o equipo educativo prepara unha festa de Fin de Ano na que convidan aos meniños a acudir “coas súas mellores galas” e gozar dunhas badaladas adiantadas e dunha chocolatada.