DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A spin-off da Universidade recibe o I Premio Bancaja de Xoves Emprendedores

Nanoimmunotech: innovación e tecnoloxía punteira ‘made in Galicia’

A empresa prepara o seu primeiro produto, Nit-ZIPPER, pioneiro a nivel mundial

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 02/06/2011
Capacidade de emprendemento nun sector punteiro en constante crecemento como é o da nanotecnoloxía fan de Nanoimmunotech un empresa innovadora e cun potencial enorme de expansión. Unha expansión que agromou no seo da Universidade de Vigo, unha spin-off nada para poñer en valor o coñecemento xerado por un grupo de investigadores encabezados pola catedrática África González. Agora, con menos de dous anos de historia, a empresa vén de recoller oI Premio Bancaja de Xoves Emprendedores que outorga a a Universidade en recoñecemento aos proxectos empresariais innovadores.

Este galardón, ao abeiro da Cátedra Bancaja de Xoves Emprendedores, quere poñer en valor, segundo explicou o reitor Salustiano Mato no acto de entrega, “o coñecemento e a súa capacidade para xeral valor engadido, emprego, crecemento e benestar”. A posta en marcha de este tipo de empresas para transferir o coñecemento xerado nos campus “fabrica economía real e non especulativa”, engadiu Mato, que expresou o orgullo de contar con arredor de 20 spin-off xurdidas na Universidade e preto de 100 empresas postas en marcha por emprendedores.

Pola súa banda, os representantes da empresa, África González, Christian Sánchez e Rubén Santos Martínez, agradeceron este galardón que “confirma que imos polo bo camiño e nos axuda a visibilizarnos nesta primeira etapa”. A catedrática África González quixo tamén agradecer o apoio recibido dende a Universidade para levar a bo fin a idea empresarial, “en especial dende a OTRI e dende Empresa-Concepto”. O xerente de Nanoimmunotech, Rubén Santos, salientou a importancia deste tipo de iniciativas, “que non se levan a cabo en todos os sitios” a pesar do “alto nivel científico que hai nas universidades”.

A piques de lanzar o primeiro produto

Nanoimmunotech xorde en agosto de 2009 como spin-off da Universidade de Vigo no eido da nanotecnoloxía para estudar e mellorar as propiedades das nanoestruturas, “desenvolvendo así aplicacións para sectores como o farmacéutico, o cosmético, o alimentario, o veterinario...”, explica González. A empresa ofrece servizos de caracterización biolóxica e físico-química de todo tipo de nanomateriais, que se basea na elevada experiencia dos grupos de investigación promotores de Nanoimmunotech.

Preparan agora a próxima saída ao mercado do que será o seu primeiro produto comercial, Nit-ZIPPER, unha tecnoloxía intelixente que a converterá nun referente mundial en nanobiotecnoloxía. Este produto patentado “permite a unión aos nanomateriais de diferentes biomoléculas ou fármacos, dun xeito totalmente inmediato, o que vai introducir unha grande innovación no mercado”. Os dispositivos resultantes axudarán na identificación precoz de enfermidades, na ablación de tumores mediante hipertermia, no transporte e liberación de fármacos, na rexeneración celular dentro dun organismo ou o deseño de biosensores.

Un camiño de éxitos

A traxectoria de Nanoimmunotech está avalada por diversos premios neste curto espazo de tempo, por exemplo co Mellor proxecto empresarial biotecnolóxico promovido por IGAPE, BIC Galicia e Genoma España, premio Uniemprendia, programa Empresa-Concepto e agora o Premio Bancaja Xoves Emprendedores. Ana Gueimonde, directora da cátedra explica que este certame é “unha ferramenta para difundir os valores e aptitudes da cultura emprendedora” e na actualidade ten aberta a súa segunda edición. Na convocatoria do 2010, xunto con Nanoimmunotech presentáronse outras 14 propostas emprendedoras “en diversas etapas de desenvolvemento e de diferentes ámbitos do coñecemento, o que amosa a gran riqueza de ideas que hai na Universidade”.

Ademais, Nanoimmunotech recibiu en decembro o respaldo do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial, que destina 600.000 euros á spin-off e que lles permitirá “a contratación de 3 ou 4 persoas máis”que se unirán aos 4 asesores científicos, os dous promotres, o xerente e un investigador Torres Quevedo. Este é “un salto que nos permitirá seguir disparando cara arriba”, segundo África González, para posicionar á empresa na vangarda como referente mundial en nanobiotecnoloxía.