DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co ciclo ‘Contos de Inverno’, que arranca este xoves 21 coa actuación de Dani Blanco

A narración oral reivindícase na programación cultural da Vicerreitoría

Isabel Risco e Bea Campos protagonizan os seguintes espectáculos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Pontevedra 19/09/2023

Pór en valor a narración oral como parte do patrimonio inmaterial galego, como unha práctica que xogou un papel crucial na transmisión de tradicións, mitos ou lendas, é o propósito central de Contos de Inverno, un ciclo de contacontos para público adulto inserido na programación cultural da Vicerreitoría do campus. Promovido coa colaboración do Concello de Pontevedra, a terceira edición deste ciclo arranca este xoves ás 20.30 horas na Casa das Campás co espectáculo Murmuraban as miñas veciñas, de Dani Blanco. Xa en outubro, o xoves 19 Isabel Risco presentará o seu espectáculo Nabiza Girl, pechándose esta programación o 9 de novembro con Marcho que teño que marchar, de Bea Campos.

Aberto a toda a cidadanía e con entrada libre ata completar a capacidade da sala, Contos de Inverno busca tamén pór en valor “o uso da lingua e a comunicación oral, que coas novas tecnoloxías e a globalización está empezando a perderse”, como salienta Torres, á vez que se insire tamén na aposta pola cultura como un dos piares do proxecto de especialización Campus Crea.

Tres propostas para as tardes dos xoves

Con tres sesións programadas para as 20.30 horas, o ciclo arranca este xoves 21 con Murmuraban as miñas veciñas, un espectáculo no que o pallaso e narrador Dani Blanco presenta as historias de “mulleres bravas que viviron a vida que querían vivir”, como recolle o seu texto de presentación. Conformado por relatos que mesturan ficción e realidade, o punto de partida deste espectáculo son as historias de varias mulleres do Morrazo, que Blanco recolleu tamén no seu primeiro libro.

Actriz, clown e pedagoga teatral, Isabel Risco será a segunda protagonista deste ciclo con Nabiza Girl, o 19 de outubro. Cunha ampla traxectoria teatral, recoñecida por distincións como o Premio Fetega en 2015, á que se suma o seu traballo en series e programas de televisión, Risco presenta neste espectáculo á historia de Chelo García Naveira, “unha superheroína rural galega con denominación de orixe protexida”. 

Finalmente, o 9 de novembro chegará a quenda da actriz, narradora e presentadora Bea Campos. O seu espectáculo Marcho que teño que marchar preséntase como “unha divertida sesión de contos”, pero tamén como “un espazo para a reflexión sobre os roles e a desigualdade de xénero”, a través de “historias protagonizadas por mulleres que eran feministas sen sabelo”, como recolle o seu texto de presentación. 

Ampla programación cultural 

Como sinala Torres, Contos de Inverno súmase ao abano de propostas culturais impulsadas pola Vicerreitoría nestas primeiras semanas do curso, todas elas abertas á cidadanía. De feito, ademais deste ciclo de narración oral, este mércores 20 terá lugar no Teatro Principal o primeiro dos concertos de Música para reCREAr, a cargo de Galifunk Brass. Tamén nos últimos días botou a andar o ciclo de cinema Limítrofes e impulsáronse novas edicións tanto da Aula Permanente de Música Tradicional como do obradoiro de introdución ao baile tradicional galego, que cubriron xa todas as súas prazas.

Obradoiro con Novos Cinemas

Ademais desta programación cultural, a Vicerreitoría promove xunto a Novos Cinemas unha nova edición do taller no que dez estudantes do campus dan forma ás curtametraxes que en decembro presentarán na xornada inaugural deste festival. A oitava edición desta iniciativa terá á fronte ao artista e cineasta Berio Molina e na exploración da realidade o seu eixe temático. Baixo o título de A xogos coa realidade, este taller de 24 horas, que se desenvolverá entre setembro e decembro, levará aos seleccionados e seleccionadas a buscar “maneiras de transformar a realidade, sexa esta o que sexa, a través do cinema”, procurando “o xogo e o risco” e introducindo a cámara “en situacións cotiás da nosa contorna”. No proceso de ideación e desenvolvemento das súas pezas, contarán coa titorización e asesoramento de Molina, que estreaba en 2019 a súa primeira longa, 7 Limbos, realizada xunto a Alexandre Cancelo, e que tras exhibir as súas creacións en diferentes festivais internacionais, traballa actualmente na súa segunda longametraxe, proceso que combina co seu labor investigador no doutoramento da Facultade de Belas Artes. 

Aberto á participación tanto do alumnado das diferentes titulacións de grao, máster e doutoramento que se imparten no campus de Pontevedra como tituladas e titulados no curso 2022/2023, as persoas interesadas dispoñen de prazo ata este domingo 24 ás 12.00 horas para presentar as súas candidaturas, ás que deberán incorporar o enlace a unha peza da súa autoría “que denote unha sensibilidade acorde cos obxectivos do proxecto”.