DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de inscrición está aberto ata o 16 deste mes de febreiro

A natureza agroma con forza nos obradoiros de extensión universitaria do segundo cuadrimestre

Ademais ofértanse talleres relacionados coa música, o teatro e a tradución

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cursos
  • Cultura
M. Del Río DUVI 06/02/2024

 

A natureza e a agricultura son as principais protagonistas da oferta de obradoiros de extensión universitaria para este segundo cuadrimestre. Seis das dez propostas de formación complementaria que acaban de abrir a matrícula esta semana abordan temáticas e contidos relacionados co cultivo doméstico ou a produción orgánica de alimentos. A estas propostas súmanse outras que son xa unha tradición neste catálogo de obradoiros, como a posta en escena dunha obra teatral, a aula de música tradicional, un taller sobre os clásicos do rock e outro sobre a diversidade na tradución literaria.

Todos estes obradoiros están abertos a calquera persoa interesada e os prezos varían entre os 40 euros para o público en xeral, 26 euros para membros da comunidade universitaria, familiares, comunidade Alumni e persoal xubilado e 32 euros para outros colectivos como PAS e PDI de centros adscritos, da Fundación UVigo, persoal de empresas externas que prestan servizos nos campus, alumnado estranxeiro de curso cero, persoas egresadas e persoas xubiladas, entre outros colectivos. O prazo de matrícula está aberto ata o 16 de febreiro. 

Cultivar cogomelos e descubrir as árbores

Tras impartirse nos últimos anos varios obradoiros de identificación de cogomelos, desta volta a proposta é aprender a cultivalos na casa. Todos os martes entre o 27 de febreiro e o 30 de abril na Facultade de Química as persoas interesadas poderán adquirir destrezas básicas para iniciarse no cultivo de cogomelos, coñecer as metodoloxías e a lexislación e centrándose no cultivo práctico de varias especies de interese gastronómica.

Outra proposta vencellada coa natureza é Descubrindo as árbores: identificación e usos, un obradoiro que se impartirá tamén na Facultade de Química os mércores do 6 de marzo ao 22 de abril e o 29 de maio. A finalidade é as e os asistentes aprendan conceptos teóricos sobre árbores e arbustos arborescentes e coñezan as súas aplicacións en diferentes ámbitos da vida cotiá, así como a relación destes organismos co ser humano ao longo da historia (alimentación, medicina, usos ornamentais e forestais). 

Acuaponia e permacultura

O obradoiro de iniciación á acuaponia é outra das novidades para este cuadrimestre. A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla acollerá os sábados entre o 24 de febreiro e o 6 de abril este curso para abordar as orixes da acuaponia, as experiencias actuais e as diferentes posibilidades desta técnica que combina a acuicultura coa hidroponia. 

Os interesados na ecoloxía e no deseño agrícola tamén poderán inscribirse no obradoiro de deseño en permacultura, cuxo obxectivo é que as e os participantes entren en contacto con este sistema e descubran como pode axudar a acadar un mundo máis resiliente, xusto e rexenerativo. Porase o foco no potencial da cooperación e as relacións de mutuo beneficio, tanto a nivel ecosistémico como social para descubrir novas formas de interactuar coa natureza, traballando a favor e non en contra dela. As sesións terán lugar no Centro Social, Cultural e Deportivo As Pedriñas, en Mos, os domingos 25 de febreiro, 21 e 28 de abril e en modalidade síncrona os mércores 28 de febreiro, 6, 13 e 20 de marzo e 3, 10 e 17 de abril. 

De cócteles e “mocktails” á agricultura orgánica

Outra novidade desta edición de primavera dos obradoiros é o taller Cócteles e "mocktails" - arte da mixoloxía botánica silvestre, unha proposta que se desenvolverá os mércores do 21 de febreiro ao 8 de maio en Cidade Universitaria. Nestas clases poderase aprender a facer algunhas preparacións base, feitas de plantas silvestres, liques e partes de árbores, así como a arte de mesturalas (mixoloxía) para a elaboración de diferentes cócteles e cócteles sen alcohol (mocktails), como xaropes vexetais, alcohois infundidos con plantas, amargos botánicos, etc. 

Finalmente, a oferta de obradoiros relacionada co mundo natural complétase co curso de agricultura orgánica para deseñar, planificar e poñer en marcha unha horta orgánica. As sesións terán lugar detrás do CINBIO os días 26 de febreiro, 11 e 18 de marzo, 8 e 22 de abril, 6 e 20 de maio, 3 e 17 de xuño e 1 de xullo. A finalidade é axudar ás persoas participantes a organizar a súa finca para conseguir un maior entendemento do funcionamento dunha horta, así como as relacións que nela se dan para poder acadar mellores resultados. 

Os clásicos do rock e a música tradicional

A música terá tamén o seu espazo nos obradoiros desta primavera. Por unha banda, regresa o rock, desta volta cun curso que vai xirar arredor dos 9 discos imprescindibles deste estilo. As sesións serán no edificio Redeiras os días 17 e 24 de abril, 2, 8, 15, 22 e 29 de maio e 5 e 6 de xuño en horario de tarde. O obxectivo é achegar ao alumnado unha selección de clásicos da música rock que, no que respecta á composición musical e no relativo ás letras, confórmanse como fitos da historia da música rock e pop contemporánea. En cada clase, Óscar Avendaño guiará a exposición e interpretará en directo algúns dos temas abordados na parte máis teórica, tanto en solitario como en colaboración co alumnado con coñecementos musicais e con artistas invitados.

As e os que prefiren a música tradicional, poderán inscribirse na aula de música tradicional, que comprende canto, percusión, gaita e baile tradicional galego. Este obradoiro terá lugar os martes do 20 de febreiro ao 30 de abril en horario de terde no Teatro da Cidade Universitaria. A finalidade é traballar o coñecemento de zonas de baile e música diferentes para recoñecelos así como historia da música tradicional. Ademais, preparase un repertorio especialmente pensado para o acto das Letras Galegas deste ano. 

David contra Goliat, persoas e linguas pequenas

Máis aló da natureza e a música, este cuadrimestre tamén se impartirá un taller sobre a riqueza da diversidade na tradución literaria e estratexias para acadar a plena inclusión. David contra Goliat, persoas e linguas pequenas desenvolverase na Facultade de Filoloxía e Tradución o 27 e 28 de febreiro e o 7 e 8 de marzo en horario de mañá e tarde. A finalidade é ensinar as bases das tres grandes áreas da accesibilidade á comunicación (subtitulación para persoas xordas, audiodescrición para persoas cegas e lectura fácil para persoas con discapacidade cognitiva ou problemas de comprensión lectora) e poñer en valor as literaturas minoritarias/minorizadas e as súas traducións nun contexto globalizador que ameaza con destruír a riqueza da diversidade.

Para a primavera, Soño dunha noite de verán

A programación de cursos de extensión complétase coa tradicional Posta en escena dunha obra teatral, que permitirá que as e os participantes percorran todas as fases do proceso de creación teatral, desde as primeiras lecturas do texto ata a representación diante do público, pasando pola creación do personaxe, o diálogo co vestiario, os obxectos e os elementos de escenografía. A idea é que no transcurso da Miteu, Mostra de Teatro Universitario, representen Soño dunha noite de verán, de William Shakespeare. As clases terán lugar luns e mércores do 19 de febreiro ao 6 de maio de 16:30 a 19:30 horas no Teatro de Cidade Universitaria.