DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O presidente da Sociedade Española de Química visitou a facultade viguesa

Nazario Martín: “Ser científico é unha das profesións máis bonitas que un pode ter”

Impartiu un relatorio no que transmitiu aos futuros químicos a maxia dunha ciencia que non sempre ti

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 15/09/2011

A Facultade de Química retomou este xoves a celebración do Ano Internacional da Química cun convidado de excepción, Nazario Martín León (Madrid, 1956) presidente da Real Sociedade Española de Química e catedrático de Química Orgánica na Universidade Complutense. Cun título que define como “provocador”, Moléculas Intelixentes, Martín León tentou transmitir aos futuros químicos a maxia dunha das “profesións máis bonitas que un pode ter”.
Na súa visita contoulle ao Duvi a súa visión sobre a situación actual desta ciencia e o papel que cumpre na sociedade. Lembrou tamén os seus inicios na profesión, unha época na que compartiu facultade co actual candidato á presidencia do goberno, Alfredo Pérez Rubalcaba.

Chega a Galicia para impartir un relatorio enmarcado na celebración do Ano Internacional da Química. Como ve este tipo de celebracións?
Moi ben. É preciso falar das ciencias e en concreto da química e esta é unha ocasión única para facelo e para demostrar como esta disciplina axudou a ter a situación de benestar social que temos e, ademais de isto, a celebración axuda a dar a coñecer mellor a química entre os mozos, motivalos, pois no fondo é deles de quen depende o futuro desta ciencia.

A celebración coincide tamén co centenario do Premio Nobel de Química a Marie Curie.
Si, é unha ocasión extraordinaria para pór de relevancia o importante papel que a muller xoga na ciencia e que, ata hai ben pouco tempo foi terriblemente escaso, se temos en conta que en España hai só cen anos que a muller pode acceder libremente á Universidade. Son cousas que a xente non coñece habitualmente, pois pensan que as cousas son como están agora dende sempre e isto non é así. A primeira muller española que acudiu á universidade tivo que pedir un permiso especial ao rei Amadeo de Saboya, naquela a muller tiña socialmente outro papel que xogar e esta situación que temos agora é moi recente, pois un século non é nada.

Marie Curie foi unha muller excepcional, única. Houbo só catro mulleres que recibiron o Premio Nobel de Química, e ela recibiuno dobremente, pois en 1903 xa recibiría o de Física. É fíxoo nunha época na que a ciencia era cousa de homes. É importante coñecer isto, sobre todo, para os futuros químicos como os que aquí se están a formar.

Este tipo de celebracións poñen en relevancia o papel da muller en ciencia, hoxe imprescindible, e contribúen a facer visibles os logros desta ciencia, que non sempre gozou de boa fama dentro da sociedade, normalmente por descoñecemento.

Segue tendo a xente mala imaxe desta ciencia ou isto é algo que está cambiando?
Absolutamente. Claro que está cambiando, o cidadán español xa sabe distinguir entre o que é bo e o que non o é tanto e, nese sentido, a pesar de que hoxe o linguaxe da química goce de mala fama é un discurso que hai que ir cambiando. É un discurso xa obsoleto porque o cidadán español sabe que cando lle doe a cabeza ten que recorrer a un composto químico para aliviar a dor, que non serían posible que te operasen nun hospital se non te anestesiasen e podería estar dando exemplos de xeito continuo.

Cando pasa algo negativo e está a química implicada hai que dar a cara, naturalmente que si, pero normalmente isto acostuma a acontecer máis ben por decisión políticas, de empresa, ou económicas, máis que porque un químico, que tamén pode acontecer, se equivocase. Que ninguén pense que se vai resolver o problema da contaminación, da pureza e limpeza das augas, o quentamento do planeta… sen o concurso da química e de outras ciencias. Os grandes problemas que afronta a humanidade no futuro, especialmente o da enerxía, requiren do uso das ciencias para a súa solución, por iso digo que o cidadán do século XXI necesariamente ten que ter un bo coñecemento de ciencia.

O título da súa conferencia de hoxe, Moléculas Intelixentes, non deixa indiferente. Por que o elixiu?

É un título provocador, pois as moléculas, aínda que non teñan boa fama, poden chegar a facer cousas moi intelixentes. Por exemplo, poden ser capaces de concentrar a enerxía do sol e transformala para obter enerxía eléctrica. As moléculas saben facer cousas moi interesantes e o único que hai que saber é polas a funcionar do modo axeitado. Cando saibamos respectar ás moléculas darémonos conta de que o manexo das moléculas é unha das expresións máis sublimes da creatividade humana.

Co meu relatorio quero que os estudantes vexan que teñan moitas posibilidades, que o futuro pasa por ter unha boa formación nas ciencias, dá igual a que sexa. A nosa sociedade necesita xente cunha formación sólida en ciencias fundamentais: física, química, matemáticas, bioloxía… O coñecemento das ciencias é preciso sempre e aquel país que non o cultive, terá carencias que terminará pagando dunha ou outra forma.

E nunha situación complicada como a actual, que lle diría a aqueles mozos que agora inician a carreira investigadora?
Eu animaría a todos aqueles mozos que teñan verdadeira vocación investigadora a seguir ese camiño. Eu penso en todas as satisfaccións que me ten dado a carreira investigadora, que son moitas, e estou certo que volvería estudar química. Ser científico na sociedade actual é unha das profesións máis bonitas que un pode ter.

Fala da súa etapa de estudante na Universidade Complutense, unha época na que compartiu facultade co actual candidato á presidencia do Goberno, Alfredo Pérez Rubalcaba.
Naquela época non tiven con el unha relación persoal moi frecuente. Eu era estudante e el PNN, nomenclatura que se empregaba para designar ao colectivo de Profesores Non Numerarios, pero o que si lle podo contar é unha anécdota que xa teño comentado en máis dunha ocasión. No ano 1976 produciuse o maior accidente visto na Facultade de Química e como consecuencia un grupo de estudantes quedamos literalmente atrapados na terceira planta do edificio, onde non había escaleiras de emerxencia, entón o naquel intre líder do PNN, Alfredo, e eu fixemos o que puidemos para apagalo, iso si, con máis vontade que acerto.
O que recordo del, e posteriormente atopámonos moitas veces por razón de cargo, é un home moi traballador, que pasaba moitos horas no laboratorio. É un home sagaz e intelixente, que eu penso que tería sido un magnífico profesional da química, se ben, gañamos tamén un magnífico político.