DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Durante os meses de verán realizaranse visitas guiadas á zona e deseñarase unha ruta cultural

A necrópole de Barxacova ábrese de novo a arqueólogos e público

En setembro a Facultade de Historia retomará as escavacións neste enclave de Parada de Sil

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 10/07/2012

Desde o ano 2010 a Facultade de Historia do campus de Ourense e o Concello de Parada de Sil colaboran para paso a paso ir desentrañando a historia e os restos arqueolóxicos de San Vítor de Barxacova e para valorizar este rico patrimonio cultural. Nesta ocasión, a campaña 2012 comeza este verán co deseño dunha ruta cultural pola zona e coa organización de visitas guiadas e continuará en setembro coa realización de novas intervencións para continuar descubrindo os restos desta necrópole da Idade Media.

“Despois do éxito das dúas primeiras campañas levadas a cabo en 2010 e 2011, a actuación deste ano, financiada polo Concello de Parada de Sil e á espera dunha achega por parte da Dirección Xeral de Patrimonio, incluirá unha nova ampliación da área descuberta da necrópole a través de novas escavacións arqueolóxicas. Mentres ese momento chega asinamos un convenio de cooperación educativa co concello para que alumnado da Facultade de Historia realice prácticas relacionadas cos traballos de investigación e difusión do enclave”, explica Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia ourensá.

Deste xeito e durante os mese de verán, dúas alumnas do centro participarán no deseño, realización e avaliación dun percorrido cultural á necrópole de San Vítor de Barxacova dentro do contexto do canón do río Mao. Para esta actividade serán titorizados e asesorados por Beatriz Comendador, Beatriz Vaquero e Eduardo Breogán nos aspectos vinculados coa difusión do patrimonio, a historia medieval e o propio xacemento. Esta actividade de divulgación verase complementada pola organización desde a Oficina de Turismo do Concello de Parada de Sil de visitas guiadas ao enclave cada venres, sábado e domingo dende o día 13 de xullo ao 9 de setembro.

Da divulgación á investigación

Cando remate a actividade divulgativa será o momento en que os investigadores volvan a traballar sobre o terreo para avanzar na descuberta dos restos. A intervención arqueolóxica, ao igual que en 2010 e 2011, estará dirixida polo arqueólogo Eduardo-Breogán Nieto, do Grupo de Estudios de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo. “A intervención deste ano ten como obxectivo incorporar ao sector xa visible da rocha, que alberga as tumbas, a sondaxe central da explanada, na que se descubriu a tumba con osario anexo aos pés. Tentarase procurar a localización dun poboado próximo, xa que o descoñecemento deste tipo de asentamentos é un obstáculo moi importante na bibliografía sobre o tema. Priorizarase esta tarefa para tratar de achegar algo de luz á investigación”, destaca Comendador.

Durante a campaña 2012 os historiadores tamén realizarán o estudo dun novo enclave descuberto en 2010, o San Salvador, prospectado intensamente en 2011 e situado ao sur de San Vítor, na mesma ladeira. “Neste enclave localizouse unha curiosa estrutura pétrea e diverso material cerámico en superficie, de idénticas características ao de San Vítor e situándose no mesmo abano cronolóxico. Coñecer este novo sitio abriría a visión para a comprensión de San Vítor e de toda a ribeira do río Mao e, por extensión, deste escuro período da Alta e Plena Idade Media galega”, apunta Beatriz Comendador.