DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En marcha os concursos de fotografía, pintura, música e creación audiovisual

Nin a crise pode cos novos talentos universitarios

Este ano repartiranse 14.500 euros en galardóns entre as distintas categorías

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Noemí Rey DUVI 22/02/2011

Xa van para nove edicións e iso nótase á hora de recibir os proxectos, “que cada ano son máis”. A Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes vén de convocar un ano máis os concursos de creación artística, unha clara aposta pola promoción dos novos valores universitarios que, a pesar do momento de restricións económicas que se está a vivir, manteñen uns premios de xenerosa cuantía: 14.500 euros a repartir entre as distintas categorías. “Intentamos dar cabida as disciplinas que entran no currículo da Universidade pero tamén valorando á xente que participa en programas como ‘Ensaiamos’, onde lles damos ferramentas para desenvolver a súa creatividade”, explica Alfonso Caride, técnico superior de Actividades Culturais.

Ata o vindeiro 24 de xuño, os membros da comunidade universitaria (estudantado, PDI e PAS) poderán participar nas modalidades de fotografía, pintura, música e creación audiovisual. A convocatoria, anual, remata á par que o curso “porque a experiencia dinos que deste xeito o alumnado pode presentar os traballos feitos ao longo do ano”, recalca Caride. Iso si, o xurado, composto por membros da comunidade universitaria e profesionais de prestixio en cada sector, pode declarar os concursos desertos.

Dez modalidades e sete accésit

O certame de fotografía é un dos que máis concursantes arrastra sempre, xa que o ano pasado o xurado tivo que escoller entre máis de 200 imaxes. Na súa oitava edición, os participantes poderán presentar os seus traballos de temática e tamaño libre montados sobre cartón-pluma. Haberá un premio de 900 euros para as series e de 600 euros para a categoría de imaxe única, ademais de dous accésit de 300 e 200 euros, respectivamente. Pola súa banda, o concurso de pintura ofrecerá na súa novena edición un galardón único de 1500 euros a unha obra orixinal feita con técnica libre. O cadro non poderá exceder os 150 centímetros na maior das súas dimensións.

O IX Premio de maquetas de música dividirase en dúas modalidades: folk e pop/rock. A esta categoría poderán presentarse aqueles solistas que sexan membros da comunidade universitaria ou aqueles grupos que teñan entre os seus compoñentes como mínimo dous membros vencellados á Universidade de Vigo. Os participantes terán que presentar unha maqueta en soporte CD cun mínimo de tres temas orixinais e non ter editado ningún traballo co respaldo dunha discográfica. O premio, suculento: 1200 euros por modalidade. Ademais a Universidade resérvase a posibilidade de editar un CD ou DVD con temas dos gañadores ou promover actuacións en calquera dos tres campus.

Fomentar os documentais científicos

Curta narrativa, documental, vídeo experimental, animación e vídeo publicitario serán as categorías ás que poderán presentarse os participantes no IX Premio de creación audiovisual, no que se estableceron premios de 1200 euros e accésit de 500 euros en cada modalidade. Ata un máximo de dúas obras amateur e orixinais por cada categoría en DVD cun máximo de 15 minutos de duración. A única especificación é para os vídeos publicitarios, que non poden facer referencia a ningunha marca comercial rexistrada e deben presentarse cun dossier co briefing, estratexia e obxectivos do proxecto.

Os 20 traballos de vídeo experimental e 10 documentais presentados o ano pasado deixan patente a creatividade da comunidade universitaria, non só por parte do estudantado. “Con esta categoría queremos animar a todos os grupos de investigación da Universidade a que filmen os seus traballos e favorecer así a proliferación de documentais científicos”, subliña Alfonso Caride.