DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A tese de Ricardo Losada estuda como frear este proceso de deterioro en ambientes mariños

O níquel limita o efecto da corrosión do formigón armado

O emprego deste elemento químico nos recubrimentos de aceiro inoxidable mellora a resistencia

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 27/02/2012

A proximidade ao medio mariño é un dos maiores inimigos para as estruturas de formigón armado. O mar acelera o deterioro da armadura de aceiro que conforma o esqueleto deste material composto polo que reduce a vida útil das edificacións. A localización nun ambiente tan agresivo fai necesario atopar un xeito de reforzar a resistencia das barras de aceiro e o níquel é unha das mellores opcións. Así se detalla na tese de doutoramento de Ricardo Losada, que defende os beneficios de empregar este elemento químico nas aliaxes de aceiro inoxidable das barras do armazón. “Un contido crecente na composición do metal base repercute nunha maior resistencia á corrosión e un menor espesor da capa de óxido”, explica o investigador.

Un dos materiais máis empregados na construción

O formigón armado é o material construtivo máis amplamente empregado na construción debido ás enormes vantaxes que presenta. A combinación da elevada resistencia á compresión do formigón e as boas propiedades de tracción da armadura de aceiro dá lugar a un material composto ideal que ofrece un amplo abano de aplicacións na enxeñaría de estruturas. “Estudando a historia do formigón armado atópanse poucos casos onde a estrutura falle debido as cargas mecánicas”, explica Ricardo Losada. Normalmente é a corrosión da armadura o factor principal que afecta a degradación destas estruturas, polo que é nese punto onde compre traballar.

O investigador explica que para reducir e previr os procesos de corrosión que afectan ás estruturas de formigón armado en ambientes agresivos como o mariño pódese actuar dende diferentes vias: recubrimentos sobre o formigón, recubrimentos sobre as armaduras, adición de inhibidores da corrosión e emprego de armaduras de aceiros inoxidables. Nesta última é na que se centro a tese de Losada, que avaliou o uso de aceiros inoxidables como armado.

Ademais dos beneficios do níquel na alixe das barras do armazón, o seu estudo desvela tamén a importancia de outro elemento químico, xa que a presenza de molibdeno “induce unha maior proporción relativa de óxidos de cromo na película que resulta tamén nunha maior resistencia fronte á corrosión”, puntualiza o investigador da Escola de Enxeñaría Industrial.

Metodoloxía de traballo

A metodoloxía de traballo consistiu na análise das capas pasivas desenvolvidas sobre sobre diferentes aceiros inoxidables ao aire e en disolucións que simulan a composición química do electrólito nos poros do formigón. O comportamento electroquímico foi analizado mediante voltametría cíclica e espectroscopía de impedancia electroquímica, facendo especial fincapé no papel que xogan os diferentes elementos de aliaxe fundamentalmente níquel e molibdeno.