DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Pazo de Cultura acolle o IX Congreso Nacional de Ciencias do Deporte e a Educación Física

Non existe a dieta ideal, nin sequera para os deportistas

Entre os participantes, uns 300 alumnos e alumnas das universidades de Vigo, A Coruña e Sevilla

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Iolanda Fernández DUVI 10/05/2013
Os seres humanos son escravos da súa propia xenética. Por regra xeral, “a sociedade tende a atribuírlle un valor máxico á alimentación, sobre todo se nos movemos no ámbito do deporte”, asegurou Antonio Casimiro Andújar, profesor da Universidade de Almería. Na maioría destes casos “queremos imitar ou temos un exemplo a seguir, pero debemos ser conscientes de que a nosa imaxe corporal dependerá do trato que lle deamos ao noso organismo. Podémola modificar paulatinamente grazas ao exercicio físico e a unha nutrición axeitada”, explicou Andújar durante unha das xornadas do IX Congreso Nacional de Ciencias do Deporte e da Educación Física que estes días se está a desenvolver no Pazo de Cultura.

Un simposio no que están a participar uns 300 alumnos e alumnas pertencentes ás universidades de Vigo, A Coruña e Sevilla e aos que Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural, Deportiva e de Comunicación do campus, quixo darlles a benvida á cidade no acto inaugural. A decana da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Francisca Fariña, aproveitou a ocasión para salientar que chegar á edición número nove deste congreso nacional “é froito do traballo e esforzo de moitas persoas. Agardo que estas xornadas vos sexan produtivas a nivel académico e vos sirvan tamén para pór en valor todas as propostas que aquí se presentan”.

Na xornada inaugural, xunto ao secretario xeral para o deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, tamén estivo o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores. O congreso está coordinado por Sportis Fundación Deportiva, entidade á que pertence José Luis García Soidán, presidente do comité organizador e profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, e Víctor Arufe, quen subliñou “o interese e a predisposición dos participantes para actualizar os seus coñecementos e reciclárense periodicamente”.

A moda, a dieta paleolítica

A alimentación dun ou dunha deportista de elite pode determinar en boa medida os seus éxitos profesionais. Cada persoa debe inxerir diariamente a cantidade de alimentos que o seu corpo precisa para realizar unha determinada actividade física. Máis cómpre ter en conta que ,“despois da xenética e do adestramento, a alimentación é o parámetro máis relevante para o rendemento dun deportista”, comentou o profesor Andújar, encargado dunha das conferencias impartidas no seminario. Existe entón unha dieta perfecta ou ideal para cada tipo de deportista? A resposta é non. Os factores ambientais, os hábitos de vida desta persoa ou incluso a contorna familiar poden influír notablemente na súa imaxe corporal e mais na súa saúde.

Dende os comezos da humanidade “o home sempre comeu de xeito intuitivo e de forma estacional. Comezamos sendo herbívoros e rematamos sendo uns seres omnívoros case totalmente dirixidos pola grandes empresas do sector da alimentación”, salientou Andújar. Dende hai un par de anos, está en auxe a denominada “dieta paleolítica” que consiste en alimentarse, principalmente, con produtos non refinados. É un programa proteínico e libre de graxas transformadas. Sen embargo, é necesario destacar que no caso dos e das deportistas de alto rendemento non se debe confundir o termo de alimentación co de nutrición. Este último abrangue un eido moito máis específico que debe estar sempre supervisado por profesionais.

A dimensión económica do deporte

Outro dos puntos fortes da primeira xornada formativa do congreso que organiza entre outras institucións a Universidade de Vigo, a través da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, foi o relatorio do secretario xeral para o deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa. O fío condutor da súa exposición foi a contribución do deporte á economía galega e española. A súa capacidade para xerar produción, renda e emprego, atraer turistas e mellorar a marca do país son os puntos principais nos que afondou. “Pero, persoalmente, eu adoito engadir outra contribución a maiores, o aforro en gastos médicos e farmacéuticos daquelas persoas que practican algunha actividade física de xeito habitual”,explicou.

Lete Lasa citou como exemplo a seguir a cidade de Pontevedra, xa que se converteu nos últimos anos en todo un referente no mundo deportivo. O secretario xeral para o Deporte destacou que “este sector representa o 2,4% do PIB de España, segundo os datos do Parlamento estatal, mentre que a nivel europeo dá emprego, directa ou indirectamente, a 15 millóns de persoas e move ao ano 407.000 millóns de euros”. É por iso que entre os compromisos do goberno autonómico está a creación dun clúster e un observatorio do deporte, así como o deseño de instrumentos que permitan medir a dimensión económica desta actividade en Galicia.

Máis relatorios e cursos de especialización

Cunha duración de tres días, o congreso cede o protagonismo da segunda xornada ao último dos cursos de especialización, centrado na estratexia metodolóxica psicomotriz e nas bases do adestramento das capacidades físicas en nenos e persoas novas. Estes obradoiros complementan unhas conferencias nas que se fomenta o debate de temas como a detección e selección de novos talentos deportivos e que rematarán na última xornada o sábado 11 afondando nos contidos da educación física en alumnado de Primaria e Secundaria. Durante o congreso tamén se presentou o I Salón Nacional do Deporte, a Saúde e a Nutrición 2013, que tivo unha grande acollida por parte do público.