DUVI

Diario da Universidade de Vigo

David Kirp, ex asesor do Presidente Obama, convidado pola Área de Ciencia Política e da Administraci

“Non investir en educación hipotecará o noso futuro”

O experto sinala que as eleccións á Presidencia dos Estados Unidos van ser moi axustadas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 07/05/2012

Aínda que a vitoria de onte de François Hollande ante Nicolás Sarkozy na segunda volta das eleccións francesas pode marcar un novo rumbo na definición de futuras políticas europeas, confesou que Estados Unidos “vive” preocupado polos “seus propios problemas domésticos”. David Kirp, catedrático de Ciencia Política da Universidade de Berkeley e ex asesor do Presidente Barack Obama en materia de educación, foi convidado pola Área de Ciencia Política e da Administración e polo Consello Social da Universidade de Vigo a impartir no campus pontevedrés unha conferencia e seminario sobre o futuro político de Estados Unidos ante as próximas eleccións de novembro e as repercusións dos posibles resultados no resto do mundo. Como experto en políticas de educación, tamén analizou para o Duvi os recortes dos gobernos neste eido, o que para o catedrático "hipotecará o noso futuro”.

Como catedrático de Ciencia Política, como definiría o papel que debe asumir a política neste contexto de crise mundial?
A política é necesaria e os políticos tamén son imprescindibles. Son o único método para resolver os grandes problemas de estado. O que ocorre dun tempo a esta parte é que aos políticos só lles importa gañar unhas eleccións, a vitoria, e non o que deben de facer pola súa cidadanía, o que crea unha distancia entre as políticas e os problemas reais. Dende a miña opinión, nestes momentos fan falla líderes políticos con forza para saír deste contexto de crise e non tecnócratas.

A piques de cumprir os primeiros catro anos de mandato, que opinión lle merece a política do Presidente Obama?
As expectativas que se marcaron co Presidente Barack Obama foron tan grandes que non foi posible cumprilas. Unha das razóns foi a falta de compromiso entre as forzas políticas, pois todas as conversas van en dirección do centro dereita polo que se crea un espazo baleiro de non debate que deu lugar a unha receita de certa parálise política.

Como describe as eleccións primarias que se están realizando no Partido Republicano?
Dese tema vou falar na primeira parte da miña conferencia de hoxe, Quen vai ser o próximo Presidente de Estados Unidos? Por que é tan importante? Sinceramente penso que os candidatos destas eleccións primarias dentro do Partido Republicano son os peores da historia moderna, ademais de presentar debilidades en moitos campos. Para min, non teñen suficiente experiencia, nin ideas fortes que defender...

En novembro de 2012 celebraranse as próximas eleccións á Presidencia dos Estados Unidos, quen cre que sairá vencedor?
Dende o meu punto de vista coido que van a ser unhas eleccións moi axustadas. Non quero facer predicións, pero nestes momentos as enquisas non mostran con claridade quen pode ser o vencedor das próximas eleccións. O que si está claro é que as consecuencias dos resultados electorais serán enormes e repercutirán en todo o mundo.

Formou parte do equipo de transmisión de poderes da Administración Bush á Administración Obama. Cal foi o seu papel neste cambio?
Nese equipo tiven a responsabilidade de definir e deseñar políticas públicas na educación temperá, entre os 0 e 5 anos. Puxemos en marcha un plan que entendía ás escolas como parte da comunidade, abertas dende a mañá ata a noite, seis días á semana e con actividades tanto para os nenos como para os pais. Coido que é unha iniciativa nova e moi importante e penso que a educación preescolar debe ser un tema a ter en conta nas vindeiras eleccións.

A actual crise económica está levando a moitos países, como o caso de España, a reducir os seu investimento en educación. Como experto en políticas de educación, que opina destes recortes?
Penso que é horrible, pois son dos que defendo que a educación é o equivalente ao futuro do noso país. Hai un dito que di que se non se inviste en educación, estaremos hipotecando o noso futuro. Creo que é bastante clarificador.

Cales son as razóns do éxito e do prestixio investigador das universidades americanas?
As universidades americanas son fantásticas porque hai unha tradición de universidades públicas dende o século XIX que continúa, como a de Berkeley ou Michigan e tamén hai unha tradición de universidades privadas de longo percorrido como Harvard e Yale. Ademais, tras a II Guerra Mundial estableceuse que as investigacións científicas se levaran a cabo dentro das universidades, a diferenza doutros países que deixaron a ciencia en mans do goberno ou de axencias independentes, de aí que as nosas universidades teñan experiencia nos interrogantes máis grandes da humanidade Pero agora o problema reside en que non hai diñeiro para a educación, polo que os científicos das universidades públicas deciden marchar para os organismos privados para darlle saída ás súas achegas. Penso que os políticos non son conscientes desta problemática, unido ao feito de que as taxas para os estudantes tamén se están incrementando moito, agora máis que nunca, coa mesma dirección crecente que aquí, pero falamos de distintas dimensións. Tanto é así, que nunha universidade pública como a de Berkeley, un estudante pode chegar a pagar 20.000 euros por ano. É por esa razón que a débeda dos universitarios é maior que toda a débeda que supoñen as tarxetas de crédito do país, achegándose ao billón de dólares.

Vén ao campus de Pontevedra a impartir unha conferencia e un seminario práctico sobre o futuro político de Estados Unidos. Que ideas quere trasladarlle ao alumnado nestas sesións?
O concepto co que quero que se queden os alumnos e alumnas desta Universidade é que as eleccións americanas van ser moi complicadas e complexas e van ser transcendentais non só para os Estados Unidos senón para España e para o resto de Europa. Sen dúbida ningunha, estas eleccións serán as máis importantes desta xeración, incluso máis que as anteriores entre Bush e Obama. Neste contexto global e de crise, os problemas de Estados Unidos son tamén os problemas de Europa e tamén o que ocorra en Europa é importante para os Estados Unidos.