DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu este venres un obradoiro de investigación escénica

Non só de representacións teatrais vive a Miteu

A formación foi impartida polos italianos Raffaella Russo e Carlo Strazza

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 20/04/2012

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense Miteu componse principalmente de representacións teatrais pero no seu programa tamén inclúe unha serie de actividades complementarias que enriquecen, a través doutros formatos e perspectivas, a calidade da mostra. É o caso do Obradoiro de Investigación Teatral My name is, que este venres se celebrou no campus de Ourense baixo a dirección dos italianos Raffaella Russo e Carlo Strazza. Na trastenda do teatro hai moito de investigación, técnica e traballo sobre o que os organizadores da Miteu queren chamar a atención con iniciativas coma esta.

O taller, segundo explicou Fernando Dacosta, director da Miteu, “consiste en traballar sobre o físico do actor, incluíndo a voz , a base de repeticións e de incidir na enerxía e nos movementos corporais”. A idea, salientou, é rachar a diferenciación tan marcada que habitualmente se fai nas artes escénicas entre o corpo do actor e o que di. Para acadalo, cada un dos 12 participantes neste obradoiro, procedentes principalmente do eido teatral afeccionado, deron vida a un asasino ficitcio, cada un coa súa propia condición sexual, idade, nome, profesión e demais características precisas pero coa característica común de ter cometido un crime.

Durante o taller Raffaella Russo e Carlo Strazza desenvolveron as personaxes cos participantes e axudáronlles na construción das súas “figuras” a través da linguaxe, os movementos e a postura corporal. Para facelo, os responsables da formación empregaron como fonte o traballo realizado pola súa compañía Banda Kurenai sobre a obra de teatro de Bernard-Marie Koltès Roberto Zucco, inspirada na historia real dun asasino en serie italiano.

Un segundo taller sobre acción política

Tras este obradoiro, o campus de Ourense acollerá os días 25 e 26 de abril un Obradoiro de Artes Escénicas e Acción Política. A iniciativa, impartida por Marco Canale, está deseñada como “un espazo de reflexión, creación e investigación que procurará afondar no cruce entre creación escénica e acción política, partindo da premisa de que entre eses dous campos, e dentro deles, aniñan conflitos que propiciaron diversas formas de expresión, desencontro ou reafirmación”, segundo salientan os seus organizadores. A liña da investigación partirá da lectura e visualización de diferentes materiais escénicos e a liña creativa abordará a creación de diferentes acción escénicas segundo as necesidades de cada un dos participantes.

Esta programación de obradoiros, xunto á celebración de exposicións, proxección de documentais, música e danza compoñen a rica programación complementaria da Miteu, que continúa cada día, e ata o vindeiro 28 de abril, coas súas representacións no Teatro Principal, o Auditorio de Ourense, o campus universitario e outros escenarios da cidade.