DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolle ata o venres unhas xornadas sobre o consenso e o consentimento na ditadur

Non só de represión viviu o franquismo durante catro décadas

Os historiadores chaman a atención sobre o peso do poder local na supervivencia do réxime

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 20/06/2012

Na historiografía recente unha boa parte dos esforzos investigadores estiveron centrados no estudo da represión franquista. Sen perder de vista ese tema fundamental, os historiadores galegos queren dar agora un paso máis adiante e avanzar na complexidade de como unha ditadura consegue, durante máis de corenta anos, manterse no poder grazas á violencia pero tamén grazas a outras ferramentas e apoios sociais. Con este obxectivo, o campus de Ourense acolle ata o venres as Primeiras Xornadas O Franquismo en Galicia. Cine, Política e Sociedade. Consentimento e Consenso na Ditadura.

As xornadas, que contan co apoio da Facultade de Historia de Ourense, a Delegación de Alumnos de Historia, a Asociación ALEHOU e o Obradoiro de Historia de Galicia, foron inauguradas este mércores por Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia; Jesús de Juana, director da Uned en Ourense, e Julio Prada, codirector das xornadas xunto a Abdón Mateos. Durante o acto, os responsables da facultade e da Uned destacaron a sinerxía entre as dúas institucións para poder sacar adiante iniciativas conxuntas deste tipo.

“A novidade deste encontro, que conta con historiadores das universidades de Vigo e Santiago de Compostela, é que, seguindo a estela do que levan feito os cataláns, queremos dar un salto cualitativo, un cambio de perspectiva, e ver como o franquismo conseguiu o consentimento e consenso social para manterse no poder”, explicou Julio Prada. O docente da Universidade de Vigo salientou que “o uso brutal da forza durante e despois da Guerra Civil provocou lealdades compulsivas e a colaboración activa duns e a desactivación doutros, pero un réxime político non se mantén corenta anos só co uso indiscriminado da violencia”. Por este motivo fixo un chamamento a, desde a historia, afondar na complexidade deste proceso.

O papel fundamental do poder local

Unha das chaves para entender o ocorrido, explicou Emilio Grandío, docente da Universidade de Santiago de Compostela, é achegarse ao papel das elites locais. “O mundo do poder local xogou un papel fundamental na implantación do franquismo”, apuntou. Grandío explicou que, alén de ter en conta os movementos en contra ao principio e ao final do réxime, detrás do franquismo “hai unha realidade de apoio social” que se prolongou durante décadas. Un apoio acadado tras unha Guerra Civil que provocou “unha contorna dramática, cruel e de terror dificilmente imaxinable agora” e onde a fame, a miseria e a impotencia eran unha realidade.

Ante esta situación e o descontento palpable, narrou o historiador, o poder local que apareceu durante a Guerra Civil adaptouse á contorna, colleu forza e a xente viuse na obriga de integrarse nel para sobrevivir. Nesa implantación do poder local como un dos garantes da continuidade do réxime Grandío destaca que, na súa opinión, os mandos militares, “que o son todo antes do ano 1939”, tiveron un papel fundamental porque van a ser os que dirixan o poder, os que manteñan os valores fundamentais do réxime, os que exerzan a represión e os que configuren o novo estado.