DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Netas da directora da Escola de Maxisterio na II República visitan o campus para ver a homenaxe que

A nosa avoa, a profesora Concepción Ramón Amat

Un panel lembra a súa figura no Museo Universitario da Historia da Educación en Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 29/02/2012

Conchita, Marisa e Carmen Rodríguez-Portugal Maceda son tres irmáns que este mércores visitaron o campus de Ourense por un motivo moi especial. Acudiron a ver o panel colocado recentemente no Museo Universitario da Historia da Educación en Ourense que rende homenaxe á súa avoa Concepción Ramón Amat, directora da Escola de Maxisterio de Ourense durante a II República. Unha entrañable ocasión que lles permitiu lembrar, a través dos materiais expostos no museo, a figura do seu familiar pero tamén do que foi a educación durante a época franquista.

As descendentes de Ramón Amat foron recibidas por Mercedes Suárez, decana da Facultade de Ciencias da Educación, e Xosé Manuel Cid, vicedecano do centro. Eles foron os encargados de guiar ás netas de Ramón Amat polo museo e de presentarlles o retrato con información de súa avoa que agora, xunto ao de Vicente Risco, preside a entrada ao espazo expositivo.

Tal e como indica o panel de homenaxe, nada en Barcelona, Ramón Amat foi a primeira e única muller elixida democraticamente para ocupar a dirección do centro onde se formaban aos docentes ourensáns. Entre 1932 e 1934 foi directora da Escola Normal Mixta de Maxisterio de Ourense, coincidindo coa II República. Unha vez instaurada a ditadura franquista e tras producirse a segregación de alumnos por sexos, Ramón Amat volveu a dirixir entre 1945 e 1965 a agora chamada Escola Normal Feminina, dedicando practicamente toda a súa vida á pedagoxía e á educación de profesores.

Durante a visita, as netas lembraron esta traxectoria profesional pero tamén a propia personalidade de Concepción Ramón Amat, unha muller moi activa, moi intelixente e moi avanzada para os tempos que lle tocou vivir. Dela e do seu home, inspector de educación, varias destas netas herdaron a vocación polo ensino e ao igual que súa avoa dedicaron toda a súa vida profesional á educación, neste caso en Madrid.