DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O XIX Maratón Solidario de Zumba terá lugar o 14 de decembro no Pavillón Universitario

Nova cita coa solidariedade e a actividade física nas datas previas ao Nadal

Aberto a toda a cidadanía, á que se solicita un quilo de alimentos non perecedoiros

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 29/11/2023

Desde hai preto de dúas décadas, a Universidade de Vigo promove cada ano nas semanas previas ao Nadal unha actividade que busca á súa vez contribuír ao labor social que desenvolven no comedor dos Pais Franciscanos e promover a práctica de actividade física. Trátase do Maratón Solidario de Zumba, que o vindeiro xoves 14 de decembro celebrará a súa décimo novena edición no Pavillón Universitario. Promovido pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade e da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, trátase dunha actividade aberta a toda a cidadanía, á que se lle solicita que achegue cando menos un quilo de alimentos non perecedoiros a modo de entrada.

O XIX Maratón Solidario de Zumba desenvolverase na tarde do xoves 14 entre as 19.00 e as 21.00 horas e “está aberto a que todas as persoas poidan participar o tempo que queiran”, como explica o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte Gustavo Loureiro. Un ano máis, engade, “a animación correrá a cargo de Bruno Hermida”, quen xunto cun equipo de monitores e monitoras encargarase de guiar ás persoas asistentes nunha serie de coreografías que combinan os exercicios aeróbicos cos pasos de baile. O maratón contará novamente coa colaboración de Gadis e Coca-Cola, que achegarán bebidas, froitas e barriñas aos e ás participantes. Por outra banda, a actividade está aberta tamén a aqueles e aquelas que non poidan sumarse ao maratón pero si achegar alimentos. 

No 2022, ano no que esta actividade solidaria volvía desenvolverse tras dous anos de parón por mor da pandemia, o Maratón Solidario de Zumba contou coa participación dun centenar de persoas, que permitiron reunir preto de 250 quilos de alimentos.

Iniciación ao rugby

Alén deste maratón, a Área de Benestar, Saúde e Deporte sumaba nas últimas semanas a iniciación ao rugby sete ao abano de actividades deportivas que desenvolve no campus pontevedrés. Trátase dunha proposta desenvolvida co Vigo Ruby Club, dirixida a iniciar á comunidade universitaria na práctica deste depporte. Con inscrición gratuíta, que debe formalizarse antes de cada sesión a través de Campus Activo, as clases desenvólvense nas tardes dos martes no campo de fútbol 1 da Xunqueira. “É o terceiro ano no que facemos esta actividade co Vigo Rugby e o seu obxectivo é fomentar a práctica deste deporte”, explica Loureiro dunha proposta que, ademais da comunidade universitaria, ábrese tamén este ano ao público xeral.