DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha nova edición do curso sobre o IVE ensinará á comunidade universitaria a aplicación práctica deste imposto

O prazo de preinscrición remata o vindeiro 7 de xuño e a docencia comeza o 8

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 04/06/2010

O Imposto sobre o Valor Engadido é dun dos máis comúns que afectan ao total da poboación pero con todo ser dos máis sinxelos, a súa aplicación pode complicarse na práctica. Xusto antes da súa subida no próximo mes e xullo, a Universidade ofrece a sexta edición do curso de formación sobre o IVE e a fiscalidade empresarial para achegar este imposto á comunidade universitaria.
Organizado polo profesor do Departamento de Economía Aplicada, Miguel Rodríguez, esta actividade ofrece formación tanto teórica como de casos prácticos ao longo de 30 horas lectivas entre o 8 e o 17 deste mes de xuño. A matrícula para os interesados está aberta ata o vindeiro día 7 cun prezo de 80 euros para o público xeral e de 60€ para os bolseiros do Ministerio de Educación ou a Xunta de Galicia.
Segundo explica Rodríguez, esta sexta edición ten o engadido da data de celebración, xusto antes da entrada en vigor da suba do imposto. O profesor salienta que o incremento dos tipos impositivos non supón cambios moi importantes na aplicación do imposto máis aló do incremento, aínda que sempre existen pequenas cambios adicionais”.

A visión da experiencia

A docencia do curso correrá a cargo dun subinspector da Axencia Estatal de Administración Tributaria e profesor asociado do Departamento de Economía Aplicada, José Antonio Fernández que, segundo apuntan dende a organización “conta con ampla experiencia na docencia e profesionalmente”, sendo ademais un dos profesores mellor valorados polos alumnos. Dirixido tanto ao alumnado como aos titulados e profesionais relacionados coa fiscalidade, este curso disporá de sesións teóricas para analizar a lexislación e prácticas como a resolución de casos prácticos reais. O profesor Miguel Rodríguez salienta tamén que os asistentes recibirán de balda máis de 200 páxinas de exercicios prácticos así como o manual da Axencia Tributaria sobre este imposto que contén “tanto lexislación como máis casos prácticos”.
No tocante aos módulos teóricos afondarase na natureza e ámbito de aplicación do IVE, nas operación interiores (feito impoñible, exencións, suxeito pasivo...) no tráfico internacional como operacións intracomunitarias e importacións e exportacións, nos tipos impositivos, as deducións e devolucións e os réximes especiais.
Os módulos prácticos consistirán no estudos de casos reais tanto de operación interiores como de tráfico Internacional, base impoñible e tipos impositivos e réximes especiais, simplificado e recargo de equivalencia.