DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os universitarios gozan do 50% de desconto

Unha nova lanzadeira asegura o transporte continuo ata o campus

Dos autobuses urbanos do Concello de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
DUVI 25/09/2007
A partir desta semana aos estudantes do Campus de Ourense resultaralles un pouco máis difícil xustificar as súas tardías á hora de acudir ás clases. A razón, o número 20, nome que recibe a nova lanzadeira disposta polos autobuses urbanos do Concello de Ourense para acudir ao recinto universitario.
Durante todo o curso, todos os alumnos poderán acceder a este percorrido de ida e volta dende o centro da cidade, concretamente, dende o Parque de San Lázaro.
Os horarios abranguen a totalidade da xornada, sendo o primeiro ás 08:10 da mañá e o último ás 22:10 da noite.
Polo momento, a frecuencia da liña 20 será na maioría dos casos de media hora, agás nas franxas horarias 11:00-13:00 e 16:00-19:00, onde será dunha hora. Con todo, o xefe de tráfico urbano de Ourense, Miguel Colmenero, afirma que “estamos abertos a calquera modificación”, todo con tal de satisfacer as necesidades dos estudantes, “se lles vai mellor que saian un pouco antes ou un pouco máis tarde, farémolo”.

Descontos

Mais esquecerse dos pés mollados e dos paseos baixo a choiva, non son os únicos beneficios deste servizo, senón que uns importantes descontos súmanse ás vantaxes de utilizar o transporte público.
En primeiro lugar, o custe do traxecto, que en vez de ascender aos 70 céntimos do prezo habitual, queda nos 37 céntimos; e en segundo lugar a gratuidade dos trasnbordos dende calquera outra liña durante 45 minutos.
Para gozar de ambas posibilidades o único que hai que facer é adquirir a Tarxeta Milenio, unha especie de moedeiro electrónico realizado en colaboración con Caixa Galicia que se pode recargar en calquera caixeiro automático.