DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizados dende a Vicerreitoría de Extensión Universitaria

Unha nova oferta de cursos de verán para compaxinar o tempo de lecer coa formación continua

Con temáticas que van dende a saúde ata a relación coa contorna, pasando pola globalización

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Jessica Fdez. DUVI 26/04/2012

A un mes do comezo dos exames do segundo cuadrimestre e co verán á volta da esquina, os estudantes non só cargan cos apuntamentos senón que tamén levan na súa mente unha morea de plans para o tempo de lecer que se aveciña. Dende a Vicerreitoría de Extensión Universitaria confían na posibilidade de compaxinar o descanso e a aprendizaxe, pensando sempre nunha formación continua e complementaria. Deste xeito, e como cada ano, deseñaron un programa de cursos abertos á cidadanía relacionados coas titulacións impartidas, co fin de afianzar os coñecementos aprendidos durante o curso e adquirir novas competencias.

Cursos variados e innovadores para todo tipo de públicos

Tras o éxito obtido nos anos anteriores, desta volta ofrécense un total de nove cursos que se poden clasificar en tres bloques temáticos: saúde, relación coa contorna e globalización. Como aclara Xosé Henrique Costas, vicerreitor de Extensión Universitaria “para seleccionar e organizar os cursos temos en conta tres criterios básicos como a inclusión, como mínimo, dun curso por ámbito científico, a imposibilidade de que un director estea ao cargo de mais dunha actividade para garantir a variedade e a repetición de aqueles cursos que tiveron unha grande acollida en edicións pasadas, xa que en moitos casos houbo que ampliar as prazas ofertadas inicialmente”.

Un ano máis, as novidades volven ter cabida nestes cursos. “Contamos cun curso novo que leva por título A psicomotricidade: outra mirada sobre o neno, coa finalidade de afondar na educación infantil e na detección e intervención en diferentes trastornos ou déficits da infancia”, puntualiza Costas. Ademais desta novidade “é necesario destacar tanto o curso estratéxico de Planificación de espazos naturais litorais xa que está vinculado ao Campus do Mar coma a consolidación do curso Patrimonio natural e cultural do Bierzo (II). Reserva da biosfera dos Ancares, que se celebra en Vilafranca do Bierzo en colaboración coa Universidade de León”, indica o vicerreitor de Extensión Universitaria.

O programa complétase con cursos sobre xestión de explotacións acuícolas, a formación para enfrontarse a urxencias cardiovasculares, primeiros auxilios, un obradoiro básico de sistemas de información xeográfica e un curso sobre termalismo e química, co que se renderá homenaxe a Antonio Casares, ao que se lle dedicou o Día do Científico Galego. Pecha a oferta o curso Un mundo desigual: retos e perspectivas, que se viña desenvolvendo en curso pasados e continúa xerando interese.

Prazos e prezos

Os cursos de verán están dirixidos ao público en xeral ata cubrir as prazas ofertadas, entre as 35 e as 60 dependendo da actividade. O seu prezo sitúase entre os 40€ e os 80€, excepto para os membros da comunidade universitaria, que terán un desconto do 25% e o alumnado, que gozará dun desconto do 50% no caso de ser bolseiro do Ministerio de Educación. O prazo de matrícula estará aberto dende o 16 de maio excepto para A psicomotricidade: outra mirada sobre o neno, que inicia o prazo o cinco de xullo. Para máis información, pódese consultar a páxina web de Extensión Universitaria.