DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha nova promoción certifica o éxito do Programa para Maiores

Recolleron o seu diploma 32 novos graduados senior

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 27/10/2007

Coa satisfacción do que estuda co único obxectivo de ampliar coñecementos, e ataviados coas súas mellores galas, os alumnos recolleron o froito do seu esforzo . Non era para menos, despois de tres anos na Universidade, obtiñan por fin o seu diploma acreditativo. O seu orgullo estaba xustificado pois non son unha promoción calquera. Esta vez os titulados teñen todos máis de 55 anos e forman parte da terceira promoción do Programa para Maiores.
Pedro Mambiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, foi o encargado de abrir o acto. Destacou o “elevado grao de satisfacción co programa”, tanto por parte dos alumnos que teñen curiosidade por saber “en primeira instancia, o que é un plus á hora de aprender”, coma dos profesores que están tamén “moi contentos coa súa labor, pois a súa grandeza está na interacción, no desenvolvemento persoal que dá a estreita relación. Entendendo a Universidade coma formación e comunicación, un grupo de xente que pasa a vida aprendendo.”
Na mesma liña, o padriño da promoción, Eduardo López, catedrático de Filoloxía Latina da Universidade da Coruña, falou da felicidade dos profesores con ganas de ensinar e dos alumnos, “dos que sodes a ledicia, porque aprendedes sen ter a necesidade dun título e facedelo de xeito máis eficiente”. Ata o mesmísimo Cicerón estivo presente no seu discurso acerca da grandeza da idade ou “senectute” no que recalcou que a universidade para maiores “vén dada polos condicionantes da vida moderna e o avellentamento da poboación que fan que estes novos alumnos estean na metade da vida e teñan que seguir aprendendo”. De feito, nas 70 universidades españolas hai xa uns 30.000 seniors e o seu número segue a medrar.
E foi precisamente un deles, Eladio Peña, o encargado de representar aos alumnos, o que agradeceu aos profesores o milagre de transformar aquela ilusión coa que chegaron a clase en coñecementos a base de “ánimos e esixencia de esforzo”. Tamén tivo palabras de gratitude para a Universidade por brindarlles “a oportunidade de aprender”.
A graduación coma todo acto destas características que se prece, tivo a súa entrega de bandas, insignias e títulos, tanto para os alumnos do Ciclo Intensivo, coma os da Especialización. A Coral Rondalla Lagoas Portovello foi a encargada de entoar o “Cum Laude” no seu honor.

Outras iniciativas

A presencia dos senior na Universidade non se limita ao ámbito académico. Excursións, viaxes en grupo coma os demais alumnos, xuntanzas, actividades complementarias e incluso tiveron un stand na no salón Galisenior. A súa próxima cita será o 10 de novembro, cando se celebrará o 1º Encontro de Maiores de Galicia no Campus de Ourense.