DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Historia celebrou este venres o acto de graduación de once novos egresados

Unha nova promoción que comeza a facer a súa propia historia

Rodeados de amigos, familiares e compañeiros, os protagonistas despediron a súa etapa universitaria

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 01/06/2012
O curso académico está a piques de rematar e é tempo de actos de graduación nas facultades e escolas universitarias. No campus de Ourense os máis madrugadores foron os estudantes da Facultade de Historia. A súa promoción 2007/2012 celebrou este venres, acompañada de amigos e familiares, o remate do seus estudos. Trátase de once novos egresados que inician a súa traxectoria profesional fóra das aulas e que comezan a escribir a súa propia historia. A pesar do difícil contexto económico e laboral, ilusión e formación non lles faltan.

“Non desmaiedes na vosa tarefa. A situación é complicada pero despois do voso paso pola Universidade estades, de seguro, en mellores condicións para acceder e mantervos no mercado laboral, e de ter tamén unha vida máis rica”, díxolles Ignacio Barcia, vicerreitor de Alumnado da Universidade de Vigo, aos novos egresados, que son a penúltima promoción da licenciatura de Historia. O vicerreitor gabou o mérito académico dos universitarios presentes por ter chegado a este momento no que rematan os seus estudos e o mérito das familias que os apoiaron nese camiño e que tamén estaban presentes no acto de graduación.

Neste futuro profesional que lles agarda agora que deixan as aulas universitarias, Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia, quixo reivindicar o papel como historiadores que están chamados a ocupar na sociedade. “A historia é agora, está viva e inflúe poderosamente nas nosas vidas, fala do presente a través do pasado. Reivindicar a historia é reivindicar os contextos que explican a realidade, a capacidade crítica e a diversidade. É ver o bosque oculto detrás das árbores. Non podemos prescindir dela”, explicou a decana.

Unha boa elección

Con sentido do humor o padriño da promoción, o docente da Universidade de Vigo Francisco Javier Rodríguez, aseguroulle aos novos egresados que “fixeron unha boa elección pois, neste momento e dada a situación económica, tedes tantas opcións coma calquera outro titulado de atopar un emprego”. Para axudarlles no futuro, o profesor apuntou que no seu paso pola Universidade os estudantes adquiriron “un magnífico desenvolvemento “ e “acadaron una gran madurez”. Unha idea compartida por Milagros Cavada, ex decana da Facultade de Historia e madriña de honra da promoción. “O traballo vai comezar agora que remataron os estudos e non vai ser unha etapa fácil, pero non teñades medo, voade alto”, aconselloulles.

Un a un os once estudantes foron recollendo os seus diplomas e bandas ante a atenta ollada de amigos, familiares e compañeiros da comunidade universitaria. En representación da promoción falou Sabela Pindusa, encargada de transmitir á Universidade e aos pais os agradecementos polo apoio recibido e de falar dos cinco anos de estudo realizados e das expectativas de futuro que ten este grupo. “Non son bos tempos para os soñadores pero os castelos na terra primeiro foron castelos no aire. Nos escribiremos a nosa propia historia”, apuntou.

Con este difícil panorama por diante, Ignacio Barcia quixo felicitar aos egresados por ter escollido no seu día a titulación de Historia. “Neste momento é especialmente importante apoiar a quen decide apostar polas humanidades e polas letras, a quen se volca na súa vocación e fai oídos xordos a unha sociedade que pide beneficios inmediatos”, concluiu o vicerreitor de Alumnado da Universidade.