DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 25 de novembro conmemórase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero

As novas xeracións recollen o testemuño dos malos tratos

O campus acolleu un obradoiro para concienciar á sociedade de que tome ‘O camino cara os bos tratos’

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 24/11/2010

Na era da información parece difícil que alguén repita as mesmas condutas que a sociedade leva anos condenando. Sen embargo, no tema da violencia de xénero o que impera é o descoñecemento. Os expertos están a detectar un novo repunte de malos tratos entre as novas xeracións, “parellas de apenas 16 a 20 anos que están estruturadas como as de hai 40 anos”, apunta María del Carmen Clavería, psicóloga e especialista no eido da violencia de xénero. É unha das conclusións que quixo transmitir durante o obradoiro O camiño para os bos tratos que se impartíu esta tarde na Universidade de Vigo e que pretendía sensibilizar á cidadanía nas causas que se van dando ao longo das nosas vidas para desencadear un episodio de malos tratos. O alarmante é que “a información non axuda a tomar conciencia”.

Nun momento no que a violencia de xénero xa non é un tabú e no que a sociedade loita pola igualdade entre ambos sexos, os expertos ven que os mozos e mozas “non asimilan a información e que rapazas de 18 anos teñen a misma resposta ante un episodio de malos tratos que mulleres de 60 anos, coa mesma linguaxe, as mesmas xustificacións… Son nenas que están sometidas a relacións terroríficas e que se cren salvadoras das súas parellas porque eles as necesitan", repite. As causas desta situación? As contradiccións entre o que pasa dentro e fóra da casa. “De que vale que eu lle diga á miña filla estudia e faite independiente se logo lle digo que busque un home que non sexa como o seu pai? Somos nos os que a nivel persoal temos que xestar o cambio como pais ou educadores, porque doutro xeito o proceso vaise reproducindo de forma perversa”, sentencia Clavería.

A Universidade involúcrase contra “esta lacra social”

A pesar de ter riba da mesa 63 mortas no que vai de ano a máns das súas parellas, case tantas como en todo 2009, un dos maiores problemas radica “na pouca conciencia da problemática que ten a sociedade. Damos pasos para adiante pero temos a demasiadas persoas tirando de nós cara atrás. Estamos nun momento pouco óptimo para as mulleres, onde estamos sufrindo retrocesos, e iso é moi frustrante cando ves que a sociedade está avanzando no resto de eidos”, recorda Rosa Fontaíña, presidenta da Rede de mulleres veciñais contra os malos tratos.

Por iso a defensa pasa por “formación para que a xente se conciencie e para que os profesionais estén preparados”. É neste senso onde a Universidade de Vigo ubica este obradoiro de formación co que “intentar conseguir a igualdade efectiva entre homes e mulleres”, recoñece Anabel González, directora da Área de Igualdade. “A violencia de xénero é unha lacra social que afecta a calquera ámbito e clase social, sen limitacións, e é necesario aunar esforzos para acabar con ela. Na Universidade é certo que se cumpre máis o principio de igualdade de sexos que no resto da sociedade, pero aínda queda moito por facer”, remata. Para facilitar este longo camiño, a Universidade ten elaborado un informe no que se recolle a realidade que se vive nos seus campus e as medidas que se deben levar a cabo para mellorar a situación e unha guía de linguaxe non sexista que “debería ser de uso común para todo aquel que quixera elaborar un documento administrativo ou público”, recalcou González.

O cambio de roles, fundamental

No obradoiro, María del Carmen Clavería quixo desvelar aos participantes as causas que se van encadenando ao longo da vida de homes e mulleres para dar lugar a unha identidade de xénero moi particular na que aparecen as primeiras asimetrías e que dan lugar a personalidades vulnerables e máis propicias a padecer ou exercer os malos tratos. Un xeito de ver en perspectiva a dinámica da relación e cómo as “características dun home maltratador vanse ensamblando coas dunha muller maltratada”, explicou a psicóloga.

Identificar estereotipos “que adquirimos dende pequenos nun momento no que non somos quen de discriminalos” e o “maltrato interno” ao que moitas mulleres se someten perseguindo a eterna da perfección. “Se eu me cuestiono, me critico, digo que non sirvo sempre vou a estruturar a miña relación co outro na búsqueda de que me valore e me acepte, adaptándome a o que o outro espera. Aí é onde está a dependencia e o sometimento que cimenta os malos tratos”, suliñou.