DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jaime Agustín Avelino Suárez e Marco Antonio Santana estudan no campus con estas axudas

Do novo ao vello mundo cunha bolsa Ourense Exterior como pasaporte

Co patrocinio da Universidade de Vigo, a Deputación de Ourense e o Consello Social da Universidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 23/03/2012

Jaime Agustín Avelino Suárez e Marco Antonio Santana son dous alumnos de grao do campus de Ourense que comparten unha particularidade. Estudan nel grazas ás bolsas Ourense Exterior que cada ano convoca a institución académica xunto á Deputación provincial e coa colaboración do Consello Social da Universidade de Vigo. Proceden, respectivamente, de Chile e El Salvador, e como descendentes de galegos gozan da súa estadía na cidade intentando sacarlle o máximo proveito académico e persoal á experiencia de estudar “no vello mundo”. Unha experiencia que de momento valoran moi positivamente en todos os aspectos.

Tal e como salienta María Lameiras, vicerreitora do campus, as bolsas Ourense Exterior naceron coa Deputación de Ourense co obxectivo de potenciar a oferta de formación educativa superior para españois residentes no exterior e para estranxeiros e para ser un instrumento de proxección internacional do campus de Ourense. “Co apoio a esta iniciativa, no só cofinanciamos unha actividade académica, emocional e valiosa, senón que tamén promovemos unha imaxe que reflicte o dinamismo, o atractivo e a capacidade da Universidade de Vigo, das súas titulacións e do seu interese como destino de formación, aprendizaxe e convivencia”, explica Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo.

Dous alumnos en grao e tres en mestrados

Durante o curso 2011/2012 estudan no campus de Ourense cinco persoas con estas bolsas, dúas en graos e tres en mestrados, concretamente nos graos de Administración e Dirección de Empresas e de Enxeñaría de Sistemas e nos mestrados de Fotónica e Tecnoloxías do Láser e no de Ciencias do Clima. Jaime Agustín Avelino Suárez e Marco Antonio Santana son dous deles e ademais os máis veteranos por ser o segundo ano que gozan destas axudas. “Para nós é un privilexio poder estar estudando aquí, no vello mundo, grazas ás bolsas Ourense Exterior porque salvo que te financies ti mesmo os estudos non teríamos esta oportunidade tan boa”, apunta Suárez.

Os dous son descendentes de avós ourensáns e nunca pensaron vir a estudar a Galicia ata que por casualidade escoitaron oír falar destas bolsas ou recibiron un correo electrónico sobre elas. Con apenas tempo para cubrir todos os trámites, en ambos casos solicitárona sen moita fe en acadala pero ao final foron escollidos e hoxe Jaime Agustín Avelino estuda na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e Marco Antonio está na Escola Superior de Enxeñaría Informática, onde agardan realizar a súa formación superior.

Un enfoque educativo diferente

“A experiencia está sendo moi boa, a cidade é estupenda para vivir, a xente é moi agradable, o campus é moi cómodo e os profesores apoiáronnos moito desde o principio”, explica Santana. As maiores dificultades para os dous estudantes estiveron na adaptación ao sistema docente e na aprendizaxe do galego. “É un cambio moi brusco, as estruturas das clases, a forma de avaliar os resultados e o que os docentes agardan de ti é moi diferente. Trátase dun enfoque totalmente novo para nós ao que aínda hoxe nos estamos acostumando”, sinala Suárez.

Vir do novo ao vello mundo a estudar foi para as súas familias un motivo ao mesmo tempo de satisfacción, pola oportunidade que lles abría, pero tamén de tristura pola distancia que os separa. Foron os seus avós de orixe ourensáns os que con máis emoción viron como os seus netos volvían á súa terra de orixe para estudar unha titulación.

As bolsas Ourense Exterior financian aos seus beneficiarios a estadía na residencia universitaria, as taxas de matriculación e entregan unha axuda para a viaxe. Moi satisfeitos polo que supón esta achega, os estudantes agradecen todas as facilidades e axuda recibida na tramitación e estadía pola Deputación de Ourense e pola Universidade de Vigo, con especialmente atención aos técnicos das bolsas Ourense Exterior da Deputación por todo o apoio prestado nesta aventura que emprenderon case dous anos atrás.