DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nel pódense ver as exposicións feitas neste espazo nos cursos 2021-2022 e 2022-2023

O novo catálogo da Sala Alterarte recolle o traballo de seis mulleres artistas “cun discurso rompedor”

No marco do ciclo ‘Activar a mirada, des-ordenar o pensamento’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
DUVI Ourense 19/01/2024

A Vicerreitoría do campus de Ourense presentou este venres o novo catálogo da Sala Alterarte, que recolle as mostras do ciclo expositivo Activar a mirada, des-ordenar o pensamento que se desenvolveu neste espazo expositivo universitario nos cursos 2021-2022 e 2022-2023 baixo a coordinación de Sara Donoso.

O catálogo está formado caderniños individuais, un de cada artista participante no ciclo, e unha presentación agrupada deles para a divulgación conxunta. As exposicións que recolle son: Formas e tránsitos, de Isabel Flores; Ser son, de Mónica Mura; Sistemas empáticos, de Mar Ramón Soriano; Vertebrar a paisaxe, de Basilisa Fiestras; Saír á superficie, de Florencia Caiazza, e The ground where I step on, de Natividad Bermejo. Na súa presentación, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, destacou a importancia que xoga “a formación cultural da comunidade universitaria que, entre outras cousas, contribúe a fomentar a creatividade”, pondo así en valor o traballo da Sala Alterarte ao longo dos seus xa 20 anos de existencia.

Artistas tanto emerxentes coma consolidadas

Do ciclo Activar a mirada. Des-ordenar o pensamento, Sara Donoso explicou que “buscou sinalar o traballo de artistas mulleres que dalgún xeito están a construír un discurso rompedor xa sexa na forma de enfrontarse ás imaxes, de hibridar as disciplinas ou de reivindicar certos conceptos dentro do ámbito artístico”. En canto aos contidos do catálogo, sinalou que “dan unha idea da programación do ciclo, planificada para ofrecer unha ampla variedade de perspectivas e promover os vínculos entre disciplinas como a pintura, a instalación, o debuxo, a performance ou os procesos escultóricos desde diferentes enfoques”. No ciclo, procurouse tamén, engadiu, “dar cabida a artistas tanto emerxentes coma consolidadas combinando a presenza de creadoras vencelladas a Ourense ou á Universidade de Vigo con outras procedentes do panorama internacional. Isto permitiu fomentar un intercambio de ideas e experiencias”.

Con esta publicación, Sara Donoso destacou que “buscamos manter viva a memoria de todos estes proxectos, agora reunidos nun volume que nos permite revisalos e proxectar o seu impacto máis alá da sala expositiva”. Alterarte, subliñou a coordinadora do ciclo, “destácase como un proxecto de longo percorrido, polo que teñen pasado artistas de diferentes traxectorias, algúns xa consolidados que realizaron aquí a súa primeira mostra. Isto é indubidablemente un valor que corresponde coidar, achegando recursos que permitan manter a calidade e bo nome da sala, pero tamén o seu valor humano”. Igualmente salientou a pertinencia de complementar as exposición co seu catálogo xa que, indicou, supón “o seu rexistro e un material moi útil non só para as artistas senón tamén a nivel de investigación”. A importancia de alongar no tempo as exposicións a través da publicación dos seus catálogos tamén foi destacada na presentación celebrada este venres por unha das artistas participantes no ciclo Activar a mirada. Des-ordenar o pensamento como é Mar Ramón Soriano.