DUVI

Diario da Universidade de Vigo

UVigo e Sergas xa viñan colaborando dende 2021 na docencia do grao

Un novo convenio coa Xunta facilítalle ao alumnado do Máster en Enxeñaría Biomédica o acceso ás institucións sanitarias

O acordo tamén inclúe dotación económica para a creación da figura de ‘coordinador’ deste ámbito

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 07/12/2023

O Consello da Xunta deu este xoves o seu o visto e prace, na súa xuntanza semanal, a un novo convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a Universidade de Vigo que lle facilitará ao alumnado do Máster en Enxeñaría Biomédica a utilización das instalacións sanitarias na realización das súas actividades docentes, algo que xa viñan facendo durante a súa etapa como alumnas e alumnos do Grao en Enxeñaría Biomédica.

Desde o ano 2021, os estudantes deste grao xa levaban a cabo unha parte da súas actividades formativas nas instalacións do Servizo Galego de Saúde e, agora, mediante este novo acordo, posibilítase a extensión do seu uso tamén ao alumnado que cursa os estudos de máster desta especialidade. Xunto con esta ampliación no uso das infraestruturas sanitarias, no convenio, que se asinará en vindeiras datas, o Executivo galego comprométese tamén a achegar unha partida económica de 75.134 euros -que se distribuirá nunhas achegas anuais de 18.783 euros durante os vindeiros catro exercicios- para a creación e o mantemento da figura de coordinador de ámbito na Enxeñaría Biomédica.

“Un importante paso máis” na colaboración co Sergas

Desde a Universidade de Vigo o vicerreitor de Titulacións e Innovación Académica, Alfonso Lago, valora este acordo como “un importante paso máis” na colaboración co Sergas en materia de titulacións, tanto nas oficiais como nos títulos propios. “Trátase de garantir o correcto desenvolvemento da docencia e de acadar os mellores resultados de aprendizaxe do alumnado, permitíndolles utilizar os servizos hospitalarios e facilitándolle a actividade ao persoal docente, tanto na ensinanza teórica como na práctica”, recalca o vicerreitor, quen tamén valora positivamente que o Sergas se comprometa a participar no financiamento da figura de coordinador, figura que “será levada a cabo por profesorado pertencente ao cadro que imparta docencia neste ámbito e dará continuidade a colaboración entre ambas entidades para mellorar a calidade dos egresados mediante unha formación integral e innovadora”. 

Segundo o indicado polo Goberno galego tras a celebración da súa xuntanza semanal, xunto con esta ampliación no uso das infraestruturas sanitarias, o convenio asinado ten como obxectivos principais, por unha banda, cofinanciar (50 %) o custo vinculado á creación e ao mantemento da figura de coordinador do ámbito na Enxeñaría Biomédica e, por outra banda, promover a oferta de prazas para a incorporación de estudantes en prácticas e a realización dos traballos fin de máster (TFM) nos centros asociados pertencentes a Área Sanitaria de Vigo.

A colaboración estará orientada á formación do alumnado en materias como: Estrutura e Patoloxía Médica, Estrutura e Patoloxía Médico-Cirúrxica, Enxeñaría Clínica e Hospitalaria, Fundamentos de Tecnoloxía Hospitalaria ou Prácticas de Tecnoloxía Hospitalaria.