DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Eficiencia e cooperación, claves do I2=C: Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011

O novo plan de I+D+i nace co obxectivo de frear a fuga de cerebros

A Xunta investirá 1200 millóns de euros nun proxecto que pretender paliar a crise económica e a caíd

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 11/02/2011

Substituír a lóxica dos recursos pola dos resultados. Ese é un dos fins cos que nace o I2=C: Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015, que aposta por implicar a todos os axentes do sistema galego de I+D, como universidades e centros tecnolóxicos, para traballar nun protocolo de actuación que inclúa un proceso de avaliación continua que revise debilidades e potencie fortalezas. Coa eficiencia e a cooperación como claves, a Xunta trata de que cada idea se converta nun avance “para as empresas, as administracións e os galegos. A estratexia de innovación para os próximos anos non pode ser un arquipélago de illas inconexas, senón un conxunto de actores con distintas responsabilidades que deben camiñar da man”, asegurou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a multitudinaria presentación do plan en Santiago na que estiveron presentes os reitores das universidades de Vigo e Compostela, Salustiano Mato e Juan Casares.

Cun orzamento total de 1200 millóns de euros, un 45% máis respecto da anterior planificación segundo a Xunta, pretende facer do I2=C un dos eixos fundamentais da saída da crise a través da captación e retención do talento galego, evitando a fuga de cerebros e facendo que a inversión na súa formación sexa proveitosa para o futuro de Galicia. “Temos a materia prima e un apreciable potencial humano, lamentablemente con moitos investigadores fóra da terra. Temos tamén planificación e os recursos. Convídovos a comezar a engranaxe e a cooperar para innovar, a innovar para crecer”, subliñou Núñez Feijóo. Todas as suxestións previas achegadas pola Universidade de Vigo durante a redacción do plan foron aceptadas, incluíndo o texto medidas para o fomento dos recursos humanos impulsando así a carreira científica. Cun orzamento de 192 millóns de euros para este ano, o plan aposta tamén pola consolidación dos grupos de investigación de referencia e a creación e crecemento das spin-off universitarias.

Para que o novo plan de I+D non baile ao son da evolución económica, cos seus altibaixos, terá un carácter estrutural e está inacabado, xa que busca que empresas, universidades, centros tecnolóxicos e demais actores implicados colaboren acadando un rendemento óptimo. A idea é fortalecer iso que agora falla: a capacidade do sistema para transformar a creatividade dos investigadores galegos en proxectos. As estatísticas avalan este obxectivo, xa que a cifra de patentes solicitadas en Galicia é inferior á media española, con 15 menos por cada mil habitantes.

Coa vista posta nos Campus de Excelencia

As partidas do fondo do novo plan de I+D terán un xestor único: a Axencia Galega de Innovación, na que terán especial importancia os campus de excelencia galegos, Campus do Mar e Campus Vida. A Consellería de Economía e Industria achegará o 75% do fondo, mentres que o resto repartirase entre Educación, Sanidade, Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Unhas partidas que irán crecendo progresivamente ata conseguir no 2020 que de cada 100 euros investidos tres vaian parar a innovación e desenvolvemento.