DUVI

Diario da Universidade de Vigo

39 egresados celebraron este sábado o seu acto de graduación

Novos psicopedagogos para renovar a ilusión dunha educación en crise

Mercedes Suárez reivindicou o papel destes profesionais na sociedade

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 04/06/2012

“Máis que nunca, nestes momentos difíciles que nos toca vivir, as profesións relacionadas co mundo educativo son necesarias, son imprescindibles para a sociedade e os seus colectivos. Nunca fomos, e nunca seredes, tan útiles como agora”. Con estas palabras Mercedes Suárez, decana da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, animaba á nova promoción de egresados da licenciatura de segundo ciclo de Psicopedagoxía a enfrontar o seu futuro. Foi durante o acto de graduación da penúltima promoción destes estudos que se celebrou o sábado no Auditorio de Ourense.

Acompañados por amigos, familiares e membros da comunidade universitaria, a promoción de Psicopedagoxía recibiu os seus diplomas e bandas nun acto presidido por Xosé Henrique Costas, vicerreitor de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, que felicitou aos xa egresados por chegar a este momento de éxito académico e que os animou a enfrontar con optimismo a nova etapa que inician coa súa saída ao mercado laboral e ao exercicio do ensino. Un sentimento compartido pola madriña da promoción, a docente do campus de Ourense Margarita Valcarce.

Recortes en educación e na sociedade do benestar

Durante o acto, Mercedes Suárez destacou o valor da titulación que agora posúen estes egresados, pois “aínda que é un título a extinguir, está moi ben valorado no ámbito profesional porque é unha preparación específica”. A decana da Facultade de Ciencias da Educación advertiu aos novos licenciados das circunstancias difíciles nas que terán que exercer, pois “entramos nunha etapa na que o investimento en educación está diminuíndo drasticamente, así como o investimento público en todos os ámbitos do que coñecemos como sociedade do benestar, en especial no mundo dos colectivos marxinados, que tamén é un dos campos da vosa intervención profesional”.

Neste contexto, Mercedes Suárez reivindicou o papel dos profesionais da educación e animou a esta nova promoción a non perder nunca a ilusión no eido persoal e laboral. “A apatía é sempre unha derrota. Non vos consideredes unha xeración perdida. Sodes a xeración máis preparada, sodes a que ten que saír á rúa a reivindicar, sodes a mocidade activa, que gañará día a día as pequenas batallas da supervivencia con dignidade”, díxolles.

Este acto de graduación será o único que celebre este curso o alumnado da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense. Haberá que agardar a 2013 para que os catro graos existentes no centro conmemore o remate de estudos das súas primeiras promocións trala adaptación a Boloña.