DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Destacou o papel do Campus do Mar e de Citexvi para o crecemento de Galicia

Núñez Feijóo sinalou a Universidade de Vigo como exemplo de cooperación e de saber adiantarse ao futuro

O presidente da Xunta amosouse esperanzado cos resultados do novo plan de financiamento do SUG

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 16/09/2011
Cooperación e austeridade foron os eixos principais sobre os que pivotou o discurso do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, neste acto inaugural do curso 2011-2012. Segundo explicou, en tempos economicamente complicados, estes dous conceptos deben servir de base para buscar saídas e acadar respostas, “debemos xogar en equipo para facer fronte aos novos desafíos; se se debilita a cohesión aumentan as posibilidades de que as circunstancias nocivas se impoñan”.

Segundo o presidente, Galicia conta con destacados exemplos de ese quefacer colaborativo, entre os que destacou ao Instituto da Lingua Galega e ao catedrático da USC e director do Instituto de Ciencias Forenses, Ángel Carracedo, galardoados coas Medallas de Galicia deste ano. Pero xunto con eles, Núñez Feijóo referiuse tamén ao papel que xoga para o progreso do país o Campus do Mar e a Cidade Tecnolóxica de Vigo, Citexvi.

Campus do Mar e Citexvi, á vangarda

“O corazón das universidades galegas segue latexando e cada vez con máis forza”, apuntaba e non hai máis que “ollar esta Universidade viguesa que hoxe nos acolle para encontrar exemplos que son produto da cooperación e que teñen como principal obxectivo o adiantarse ao futuro”. Un deses exemplos é o Campus do Mar, “un emocionante exemplo de esforzo común”, que aglutina cooperación institucional, compromiso económico e un inxente traballo por parte dos seus impulsores, destacaba. Segundo o presidente, este Campus de Excelencia Internacional pode supoñer para Vigo, “que xa é a gran capital económica do mar”, selo tamén da investigación mariña.

Puxo a Citexvi como exemplo de que Galicia ten capacidades propias que se multiplican grazas á investigación e á aposta polas novas tecnoloxías, transferindo coñecemento ao tecido empresarial e á sociedade en xeral. “Esta cooperación, aposta polo I+D e polo coñecemento están moi presentes nas tres universidades”, engadiu o presidente.

Financiamento e Decreto de Titulacións, froito da cooperación

Cooperación e perseverancia conforman a fórmula pola que aposta o presidente da Xunta en tempo de crise. “Este é un tempo no que a economía non trata sobre a administración da abundancia senón sobre a xestión da austeridade; non pode haber un sálvese quen poida, os estados, as nacións, as comunidades autónomas, as cidades ou as universidades non poden salvarse en solitario. Cómpre habilitar un novo consenso e non vexo mellor inspiración para iso que esta Universidade”.

Froito deste traballo conxunto xurdiron varios feitos fundamentais para o Sistema Universitario de Galicia, como o novo Plan de Financiamento, no que priman resultados e obxectivos. “Este cambio parecía unha quimera”, pero tras a súa aprobación en decembro de 2010, Feijóo amosouse moi esperanzado cos primeiros resultados. O traballo conxunto tamén agroma no Decreto de Titulacións, cuxa tramitación está a piques de rematar, como indicou o responsable do executivo, e no que calidade, planificación, coordinación e autonomía son os conceptos clave. Tamén fixo mención o presidente á Lei Galega de Universidades, “que imos sacar adiante nun futuro próximo”. Todos estes exemplos evidencian “o compromiso da universidade coa sociedade e da sociedade coa universidade”, concluíu.