DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo os resultados dun estudo presentado nas Xornadas PrevenT, coorganizadas co Injuve

Obesidade, tabaquismo e sedentarismo revélanse como as tres grandes ameazas para a saúde da mocidade

A actividade contou coa participación dun cento de persoas e nela coincidiron estudantes e profesion

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 18/04/2018

Obesidade, consumo de tabaco e sedentarismo son a día de hoxe os tres principais factores que ameazan a saúde de mozos e mozas. Estes son só algún dos resultados dun estudo presentado esta mañá no campus de Vigo ao abeiro das Xornadas PrevenT, coorganizadas polo Instituto de la Juventud (Injuve) e a Universidade de Vigo e na que coincidiron algo máis dun centenar de persoas que tiveron a oportunidade de asistir a toda unha serie de charlas e actividades deseñadas para fomentar un estilo de vida saudable e para dar a coñecer as principais medidas de saúde pública baseadas na prevención dos principais factores de risco.

O estudo, titulado Evaluación de hábitos nutricionais, composición antropométrica e coñecemento da dieta mediterránea en mozos e dirixido polo doutor José Antonio García Donaire, coordinador científico da xornada, farase público hoxe mércores na web do Injuve, pero o director do instituto, o vigués Javier Dorado, adiantou xa na apertura das xornadas as súas principais conclusións. O primeiro destes datos fai referencia a que a obesidade é a día de hoxe o trastorno nutricional de maior relevancia, o que a Organización Mundial da Saúde cualificou xa como a gran epidemia do século XXI. “Falamos dun problema de primeira magnitude tanto en nenos como en adolescentes e adultos, que reduce a expectativa e a calidade de vida”, salientou Dorado. En segundo lugar, o estudo ratifica que a aparición de factores de risco cardiovascular acontece a idades cada vez máis precoces e, doutra banda, confirma que son tamén cada vez máis o número de persoas novas con malos hábitos nutricionais, que consumen tabaco e que son sedentarias.

“Por outra banda, o informe deixa ver que a pesar de ser un país tradicionalmente asociado á dieta mediterránea o coñecemento dos nosos mozos e mozas dos eixes fundamentais deste tipo de dieta dista de ser óptimo, en especial, no que conleva a azucres e graxas”, salientou Dorado, quen tamén lembrou que as enfermidades cardiovasculares causan entre 50 e 6O veces máis mortes ca os accidentes de tráfico en España, o que as sitúa como a principal causa de morte por encima do cancro. “Pola contra, moitos dos factores desencadeantes destas patoloxías son modificables, tanto con terapias farmacolóxicas como non farmacolóxicas, e con isto refírome sobre todo aos hábitos de vida saudables”, recalcou o presidente de Injuve.

Buscando un “efecto multiplicador”

Coa participación dalgo máis dun cento de persoas, nas xornadas coincidiron catro colectivos fundamentais: os propios mozos e mozas; o persoal técnico que a través da educación non formal traballan a diario en diferentes actividades lúdicas e de voluntariado coas persoas máis novas; profesionais da saúde que cada vez máis se atopan pacientes con problemas cardiovasculares a idades moi temperás; e profesionais ou futuros profesionais da actividade física e do deporte “porque sodes vós os que ides tratar con moitos mozos e mozas e seredes vós quen lle marquedes toda unha serie de pautas con respecto aos seus hábitos”, explicou na súa intervención Javier Dorado, que insistiu en que “toda esta combinación de perfís distintos vai xerar un efecto multiplicador de todos os coñecementos que imos adquirir hoxe as persoas que estamos aquí”.

Respaldo institucional

Xunto a Javier Dorado, quen adiantou que o vindeiro domingo correrá na HappyGoRunning, participou na presentación institucional das xornadas o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, quen aproveitou para resaltar que esta é a primeira vez que as xornadas PrevenT se realizan en Galicia, “algo do que nos sentimos moi orgullosos, pois nesta Universidade xa non entendemos o deporte só como competición, senón, e sobre todo, como saúde e benestar”. Xunto a eles interviñeron tamén a subdelegada do goberno en Galicia, Ana Ortiz; o subdelegado da Xunta, Ignacio López-Chaves; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta, Cecilia Vázquez; o director da Fundación Mylan para la Salud, Javier Anitúa, e o doutor José Antonio Donaire, que fixo fincapé en que o fundamental é que as e os asistentes “aprendades pequenas grandes cousas que poidades pór en práctica no voso día a día, o que vos permitirá gozar, agora e no futuro, dunha boa calidade de vida”.