DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No arranque da segunda semana de Miteu en Vigo

A obra 'Zapping' inicia unha semana de teatro universitario moi galego

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Jessica Fdez. DUVI 27/04/2011

Tras o éxito obtido na primeira semana da Miteu, Mostra Internacional de Teatro Universitario, con compañías de diferentes universidades españolas, o escenario do Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria acolle esta semana as interpretacións dos grupos de teatro das universidades galegas. Cumprindo co protocolo e como bo anfitrión, a Aula de Teatro da Universidade de Vigo abriu o ciclo este martes, coa súa obra Zapping, deixando paso as actuacións dos actores de Ourense e de A Coruña.

Cun elenco de seis actores e actrices moi novos pero cun talento desbordante e baixo a dirección de Pepa Barreiro, a peculiaridade de Zapping atópase en que non é unha peza completa senón que fusiona textos de obras de diferentes autores da talla de Euloxio Ruibal ou Lois Pereiro, resaltando o sentimento de soidade e a dobre moral do ser humano. Como afirma Pepa Barreiro, “é unha obra de zapping teatral, semellante ao zapping televisivo. A idea xurdiu porque hai obras e textos completos moi interesantes pero ás veces, traballar sobre eles é moi complicado por diversos factores como a extensión, o número de estudantes... o que nos inspirou para facer Zapping”.

Así, durante 50 minutos, o público puido gozar da última función de Zapping, o que supón o goce, á vez, de diferentes obras gracias a liberdade de poder unir pezas diversas, o que motivou as lecturas e interpretacións propias entre os espectadores.

Teatro durante a semana

Tras o éxito obtido con Zapping, a Aula de Teatro Universitario de Ourense Maricastaña, presenta este mércores ás 18.30 horas a obra Leve, a nada entre as mans, dirixida por Fernando Dacosta e na que se conta as aventuras de Baldabiou na vila francesa Lavilledieu e os efectos que produce na vida dos seus habitantes, especialmente na vida de Hervé Joncour.

Xa o xoves haberá unha dobre sesión de espectáculo a cargo das aulas da Universidade de A Coruña: as 13.00 horas subirá o escenario a aula de teatro dirixida por Rut Balbís e que escenificarán Rede na rede, unha obra centrada no uso das redes sociais en Internet. Xa pola tarde, as 18.30 h e para poñer punto e final á XIII Miteu, o grupo de actores e actrices dirixido por Rubén Ruibal interpretará Nunca durmo.