DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As sesións desenvólvense cada mércores pola tarde no Espazo Xove de Ourense

Un obradoiro achégase á danza urbana desde un punto de vista teórico, práctico e cultural

É unha das tres opcións relacionadas co baile incluídas na programación de extensión universitaria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 25/03/2022

Entre a oferta de obradoiros de extensión universitaria que organiza este segundo cuadrimestre a Vicerreitoría do Campus de Ourense con financiamento da Deputación Provincial está unha nova edición do titulado Achegamento ás danzas urbanas, dirixido polo profesor da Facultade de Educación e Traballo Social Millán Brea. Nel, as e os participantes adquiren “nocións básicas dalgunhas danzas urbanas a nivel teórico e práctico e comprenden a importancia destas disciplinas artísticas nas súas contornas sociais e culturais”.

Traballando diferentes aspectos

Con 20 horas de duración, este obradoiro é o único que se celebra fóra das instalacións do campus de Ourense este cuadrimestre, concretamente no Espazo Xove, na Casa da Xuventude. Faino nunha sesión semanal os mércores pola tarde entre o 16 de febreiro e o 27 de abril. “A danza está presente en practicamente todas as sociedades. Ademais de ser unha actividade física, tamén é unha forma de expresión artística: promove melloras na condición física, favorece estados emocionais positivos, facilita a participación e a interrelación con outras persoas, etc.”, explica o director da actividade. Neste contexto, engade, “as danzas urbanas, cun forte compoñente cultural e comunitario, permiten ademais traballar outros aspectos como os sociais e os educativos”.

No obradoiro, detalla Millán Brea, está previsto abordar o concepto de danzas urbanas e distintos estilos; os beneficios da danza a nivel físico, cognitivo, psicolóxico, emocional, expresivo, comunicativo, afectivo e social; a orixe e evolución das danzas urbanas, no seu contexto sociocultural, e o papel das danzas urbanas na comunidade. Ademais, as e os 14 participantes achegaranse ao breaking, ao hip hop, ao dancehall e ao booty dance. A metodoloxía  que se emprega é “participativa e activa, buscando deste xeito que o alumnado interiorice os contidos a través da práctica”. Así, “a maioría das sesións son prácticas na súa totalidade, combinado cos contidos teóricos necesarios para comprender e asimilar a realidade cultural da nosa contorna”, tal e como indica o responsable da actividade. En canto á docencia, engade, “contamos con profesionais moi contrastadas da nosa cidade, coma Sabela Bóveda, Yaiza Barcos e Borja Caballero, todas elas representantes en diversas competicións e exhibicións a nivel internacional”.

Máis danza

Ademais deste actividade, a programación de obradoiros de extensión universitaria deste cuadrimestre do campus de Ourense conta con dúas propostas máis centradas nesta disciplina. Por unha banda, volve a celebrarase unha nova edición do Espazo de Danza, no que da man da compañía Traspediante Danza, as e os participantes achéganse á danza contemporánea e á creación escénica fundamentalmente a través do corpo e o movemento. Por último, e como novidade este cuadrimestre, tamén arrancará no mes de abril o obradoiro Educación para a paz a través da danza educativa. Nesta iniciativa, coordinada pola profesora da Facultade de Educación e Traballo Social Pino Díaz, “a través do movemento creativo, a danza social e a arte-terapia, traballarase a comunicación cos demais e a xestión de conflitos, con ferramentas como a comunicación non violenta”.