DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na I Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués

Obradoiros, espectáculos e conferencias encherán de cor a Praza da Ferrería

Terá lugar do 7 ao 11 de novembro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 02/11/2007

Obradoiros, espectáculos, conferencias, exposicións, concertos e moitas máis actividades darán contido á primeira Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués que se celebrará do 7 ao 11 de novembro en Pontevedra.
A mostra forma parte do chamado Proxecto Ronsel, iniciativa coa que as tres universidades galegas, baixo a coordinación da Universidade de Vigo, e o patrocinio das consellerías de Cultura e Deporte e Innovación e Industria e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural se comprometen a deseñar, presentar e levar a cabo un plan estratéxico para a salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial.
“Desde o Proxecto Ronsel e co obxecto de poñer en valor o patrimonio inmaterial, unha das iniciativas que deseñamos foi esta mostra” explicou o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade, Iván Area, na presentación da mostra que tivo lugar este venres na delegación da Consellería de Cultura e Deporte na cidade do Lérez.
Respecto ao obxectivo da mostra, a delegada da Consellería de Cultura e Deportes Mª Xesús López Escudeiro, resaltou o importante que é “sensibilizar aos portadores e aos continuadores da necesidade, da importancia que ten a transmisión do patrimonio. Tamén chegar aos diferentes públicos, por iso están moi presentes os escolares en todas as actividades que se van desenvolver, porque consideramos que este terá que ser o coñecedor para poder transmitilo á xente que virá despois. Se non somos conscientes da importancia deste patrimonio, chegará a perderse”.
“Deseñamos unha actividade en cinco días, cada día orientado a cada un dos ámbitos nos que a Unesco divide o patrimonio: tradicións e expresións orais, artes do espectáculo, usos sociais, coñecementos e usos relacionados coa natureza e técnicas artesanais”, explicou Area respecto do contido da mostra. “En calquera caso é moi importante ter presente que este tipo de divisións son bastante artificiais e que é moi difícil separar as cousas dun ámbito a outro, senón que hai moita transversalidade, de feito este é un dos aspectos que destacamos do proxecto, a transversalidade que queda manifesta desde o momento no que se involucran tres consellerías e as tres universidades” engadiu o vicerreitor.

A Praza da Ferrería, lugar de encontro

Todas as actividades da mostra terán lugar nunha gran carpa central que se instalará na Praza da Ferrería. O redor desa carpa tamén se localizarán outras máis pequenas onde os visitantes poderán disfrutar de degustacións de produtos ecolóxicos como carne ao caldeiro, viño ou pan. Para as noites do venres ao domingo, finalmente, diferentes espectáculos musicais ocuparán a escena da mostra, como o Festival da Asociación de Gaiteiros Galegos, no que se darán cita algún dos mellores grupos de música tradicional de Galicia, ou a VI Mostra da Oralidade Galego Portuguesa, organizada pola asociación “Ponte...nas ondas”, representativa do patrimonio musical portugués.

Na presentación da mostra tamén estiveron presentes, ademais dos representantes da Universidade de Vigo, e da Delegación da Consellería de Cultura e Deportes en Pontevedra, a concelleira responsable da Área de Dinamización Sociocultural e Deportes do Concello, Anxos Riveiro e o representante da Asociación de Gaiteiros de Galicia, José Presedo.
Todos os participantes quixeron agraceder aos colaboradores polo proxecto e animaron á cidadanía a participar activamente nas xornadas que se inaugurarán o 7 de novembro na Praza da Ferrería.