DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A catedrática e crítica Anna María Guasch, profesora convidada na Facultade de Belas Artes

Obras de arte concibidas como espazos para a memoria

A globalización, a identidade, a era dixital foron algúns dos temas sobre os que a experta afondou

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 28/03/2012

O campus de Pontevedra conta esta semana cunha experta de “referencia internacional” no eido da arte contemporánea. A Facultade de Belas Artes convidou á catedrática e crítica Anna María Guasch a impartir docencia no Máster de Arte Contemporánea, compartindo co alumnado as súas investigacións sobre o estudo dos procesos creativos da arte internacional da segunda metade do século XX. Aproveitando a súa estadía, este mércores impartiu unha conferencia aberta a toda a cidadanía na que afondou nun dos seus principais proxectos como comisaria, La memoria del otro en la era de lo global, unha exposición internacional que concibe as obras de arte “como lugares da memoria”, explicou durante a conferencia.

Segundo comentou a experta, esta mostra non é froito soamente dunha inspiración artística, senón que nace da necesidade de reflexionar sobre a globalización, a cultura e a cuestión identitaria. Este proxecto curatorial que presentou en tres cidades de Latinoamérica, (Bogotá, Santiago de Chile e La Habana), “non quere ser unha mostra ao uso, senón un proxecto discursivo convertido nunha exposición identitaria”, sinalou Guasch. Deste xeito, defendeu a creación artística dende o ámbito da teoría cultural e reflexionou sobre algúns dos conceptos claves na definición do global, como a memoria, a etnografía ou a núa vida, entre outros.

O dixital como fonte de creación artística

Un dos campos de estudo de Guasch é a influencia do dixital no mundo da arte contemporánea, fenómeno que permitiu introducir “a imaxe en movemento e tamén o documento oral na arte, posibilitando que a historia poida ser contada polos seus protagonistas”. Esta modalidade formula traballar na fronteira do 'xiro documental' “o que implica desafiar os principios clásicos do documental, xogando co ficcional e dando visibilidade á voz autorial do artista sen caer nunha subxectividade romántica”, apuntou a experta. Para concretar esta concepción artística, destacou o formato de “video-ensaio”, a medio camiño entre o documental e a arte, “que ofrece un sen fin de posibilidades a unha narración na que o interpretativo xoga un papel esencial e que dá como resultado un collage de imaxes creadas e/ou recuperadas” , describiu.

A experta confesou que é a primeira vez que visita a Universidade de Vigo, pero destacou “as boas referencias” que ten do profesorado da Facultade de Belas Artes, “recoñecidos artistas e teóricos do ámbito nacional e internacional”, engadiu Guasch.